Xa está aberta ó publico a exposición Apiarte, incluida na programación da Semana Máis que Mel, e que se poderá visitar ata o 30 de novembro na Biblioteca Anxel Casal de Santiago de Compostela. A mostra inclúe un conxunto de obras de pintura, escultura e artesanía, creado arredor do mundo das abellas e vai acompañada por unha selección de diferentes colmeas do mundo e outros materiais didácticos.
Na inauguración da exposición, o día 10 de novembro, aproveitamos para presentar a Semana Máis que Mel, para o cal nos acompañaron tres entidades que colaboran con Máisquemel neste evento e noutras propostas: Biblioteca Pública Ánxel Casal, Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela e Bolanda Edicións, as cales agradecemos enormemente a súa participación. O martes 15 de novembro, comezará a Semana Máis que Mel cunha visita guiada pola mostra, da man de Suso Asorey, biólogo e activista en defensa das abellas. As persoas interesadas en participar nesta visita teñen que anotarse co antelación, ó igual que no resto de actividades, por email a info@maisquemel.gal ou por teléfono no 981 589 534. A data límite é o 14 de novembro e as prazas son limitadas. Información completa do programa de actividades en Semana Máis que Mel.