Skip to content Skip to footer

Descubrindo as alvarizas por Os Ancares e O Courel

Neste mes de maio organizamos unha viaxe de apiturismo polas serras dos Ancares e O Courel para un grupo de persoas de Austria.

Acompañadas polo guía de Máisquemel, percorreron durante tres días estas fermosas paisaxes das montañas galegas, nas que puideron admirar os numerosos exemplos de cortíns ou alvarizas, os antigos colmeares galegos, únicos no mundo, construidos coa técnica chamada “pedra seca”, que foi declarada Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola UNESCO.dapibus.

Descubrindo o Val do río Rao e o Piornedo

Nas diferentes visitas organizadas, foron atendidos polos nosos colaboradores locais, apicultores e expertos coñecedores do patrimonio tradicional apícola galego. Nos Ancares o guía foi Abel Yáñez, co que percorreron as alvarizas do val do rio Rao e outros lugares de gran valor etnográfico, como as pallozas de Piornedo.

No Courel comezaron por Seceda, un auténtico tesouro etnográfico desta serra, onde realizaron unha parte da Ruta dos Alvares da man de Isra Ferrero, membro de Coumel, e puideron adentrarse nunha alvariza restaurada que acolle unha mostra de colmeas tradicionais.

E para rematar estiveron en Quiroga, na impresionante alvariza da Ruta das Abellas, acompañados polo apicultor Manuel Macía.

Unha intensa experiencia a través da apicultura ancestral da nosa terra, na que ademais de desfrutar das paisaxes, os nosos visitantes austríacos puideron descubrir o valioso patrimonio apícola que gardan os nosos montes e montañas, e coñecer de primeira man como se elaboran algúns dos meles máis prezados de Galicia.