Skip to content Skip to footer

Os Bolechas presentan “Máis que mel” no Día Mundial da Abella

Hoxe, día 20 de maio, celébrase o Día Mundial da Abella, evento instaurado polas Nacións Unidas para lembrarnos a importancia da abella e do resto dos polinizadores no medio ambiente e a súa indispensable misión no
mantemento da vida do planeta. Máisquemel, un colectivo adicado á divulgación da abella e dos seus produtos, sumouse a esta celebración presentando hoxe na Biblioteca Pública Anxel Casal en Santiago de Compostela a súa primeira publicación destinada a público infantil “Os Bolechas – Máis que Mel”, coa presenza do autor Pepe Carreiro e un grupo de nenos e nenas do CEIP López Ferreiro.

O Día Mundial da Abella é unha celebración internacional, declarada como tal polas Nacións Unidas no ano 2017, que ten como obxectivo sensibilizar á sociedade sobre a importancia das abellas e dos moitos beneficios que nos aportan. As abellas son indispensables para vida do planeta, xa que son as garantes do mantemento da biodiversidade e da produción de alimento
para os humanos grazas a súa función polinizadora, motivo que debe resultar suficiente para que a sociedade cumpla co deber e a necesidade de protexer estes pequenos e importantes insectos que, xunto co resto de polinizadores, están cada vez máis ameazados pola degradación do medio ambiente. Esta data é, polo tanto, cada vez máis precisa para que todo o mundo sexa consciente do valor das abellas e poida implicarse na súa defensa e protección, accións que pasan fundamentalmente por contribuir ao coidado do medio ambiente.

Divulgación sobre as abellas cos Bolechas

O colectivo Máisquemel, un grupo de persoas amantes das abellas, presentou hoxe súa primeira publicación destinada ó público infantil, un conto titulado “Os Bolechas – Máis que Mel”, editado por Bolanda Edicións. A través deste libro, con formato de guía didáctica, os nenos e nenas poderán achegarse ó interesante mundo das abellas a través dos personaxes
dos Bolechas, aprender a valoralas e, polo tanto, tamén a coidalas.

publicación Os Bolechas -  Máisquemel

 

A publicación está sendo distribuida a todos centros de ensino e bibliotecas de Galicia, xunto cunha guía de traballo para profesorado e un caderno de actividades para as crianzas, co obxectivo de que a mensaxe das abellas chegue a todos os nenos e nenas e que poidan seguir aprendendo sobre elas nas escolas e nas súas casas. O equipo do proxecto Máisquemel, que se adica á divulgación das abellas e da súa labor a nivel medioambiental, social e cultural, ofrecerá tamén aos centros de ensino a posibilidade de continuar adentrándose neste apaixoante mundo das abellas, organizando actividades nos propios centros e visitas a lugares de interese apícola e ambiental.

Presentación na Biblioteca Ánxel Casal

No acto de presentación da publicación, que tivo lugar hoxe na Biblioteca Pública Ánxel Casal, participaron os seus promotores, Xesús Asorey e Paula Souto, do colectivo Máisquemel, acompañados polo autor e creador dos Bolechas, o debuxante Pepe Carreiro, que amosou a súa xenial creatividade realizando uns deseños dos Bolechas en directo para o público
asistente.

 

Ademais, estiveron presentes tres das pequenas protagonistas que aparecen no conto acompañando ós Bolechas a través desta viaxe polo mundo das abellas: Ulla, Iria e Roi, tres crianzas de familias con tradición abelleira. Explicaron por que son importantes as abellas aos compañeiros e compañeiras do CEIP López Ferreiro, que asistiron tamén ao acto, realizaron uns obradoiros sobre as abellas e recibiron de agasallo este novo conto dos Bolechas.

Vindeira cita cos Bolechas e Máisquemel: 4 de xuño en Arzúa

A labor dos Bolechas na divulgación sobre as abellas continuará o vindeiro 4 de xuño en Arzúa na xornada “Máis que Mel”, a próxima cita co mundo das abellas organizada por Máisquemel e a cooperativa Erica Mel. Nela, as crianzas que se acheguen poderán saudar aos seus personaxes favoritos da familia Bolechas e pasar con eles unha divertida mañá, chea de actividades e obradoiros moi interesantes.

VER EVENTO

COLABORAN: