O pasado mes de xuño viaxamos polas terras da Baixa Limia e Xurés, para descubrir a apicultura desta comarca e os moitos tesouros que se agochan nas súas aldeas, ríos e montañas. Foi unha experiencia moi fermosa, na que houbo momentos para desfrutar da natureza, aprender sobre a nosa cultura e descubrir recunchos cheos de lendas e historia. Para iso, contamos cunhas guías extraordinarias, Ana e Marta, de Ecoturismo Xurés, xunto con José Luis, amigo e veciño de Lobios.

Comezamos a viaxe na aldea de A Cela, onde nos asombrou a curiosa simbiose entre a montaña e arquitectura. Os bolos graníticos emerxen entre as casas da aldea, formando parte das rúas e mesmo das propias casas. Dende alí contemplamos unhas fermosas vistas da paisaxe.
A continuación chegamos a Puxedo, onde nos atopamos coa celebración da festa local de San Antón. Demos un paseo visitando as aulas etnográficas distribuidas pola aldea, a través das cales puidemos adentrarnos na vida do rural tradicional galego. En particular, parámonos na aula adicada á apicultura e outros produtos do monte, onde nos acompañou un veciño apicultor, dos poucos que aínda conservan e saben facer as tradicionais colmeas desta zona, con cortiza e cucuruchos de palla. Ó rematar o paseo, desfrutamos un delicioso xantar con produtos típicos desta zona.
Pola tarde, reunímonos no Centro de Interpretación Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés, para tratar a situación actual das abellas e da apicultura, debate no que participaron tamén outros apicultores da comarca. E para rematar a tarde, houbo quen se quedou desfrutando das pozas de auga termal do Río Caldo en Lobios e quen se animou a continuar de ruta polos arredores, seguindo a antiga Via Romana ata chegar á espectacular fervenza da Corga da Fecha.














O domingo, fixemos unha sinxela ruta de sendeirismo en Entrimo, seguindo o río Pacín, ata a ferveza do Pozo Caído, un fermoso e relaxante paseo rodeados da frondosa vexetación do val do río. Seguimos en coche ata a Casa da Escusalla, un antigo mosteiro en ruinas, que garda moitas lendas e historias, algunhas delas inquietantes e tenebrosas, moi presentes na vida das xentes veciñas. Alí preto, descubrimos un lugar curioso, na aldea de Ludeiros, unha palco da música construido enriba dun carballo, bonitos recunchos agochados destas terras, que amosan a relación entre a natureza e a vida das xentes do lugar. Camiño de regreso a Lobios, pasamos pola Serra de Santa Eufemia a través dunha estrada que nos ofrece unhas vistas incribles da zona e visitamos unha alvariza tradicional abandonada, pero que conserva o muro que protexía as colmeas.
Xantamos no Restaurante Lusitano de Lobios, uns exquisitos pratos elaborados con produtos da zona. E xa para rematar a viaxe, visitamos a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, onde nos acompañou Marisé, veciña da aldea e gardiá deste tesouro do patrimonio cultural galego.










Agradecemos a participación de todas as persoas que se animaron a compartir con nós esta experiencia e especialmente a Marta, Ana e José Luis, por amosarnos dun xeito tan especial a súa terra.
E seguiremos percorrendo recunchos de Galicia e aprendendo das abellas e das persoas que as coidan…