Skip to content Skip to footer

Viaxe ás orixes e tradicións do Courel

O pasado sábado 14 de xuño coñecemos o Courel dun xeito moi especial: a través dos seus museos. Descubrimos a orixe destas antigas montañas e marabillosas paisaxes, así como das costumes e tradicións da xente que as habitou ó longo da historia. Agradecemos a compañía e conversas do apicultor Manuel Macía, que organizou as visitas da xornada, e ás guías dos museos que visitamos, Rosa María Carrete e Xavier Blanco, que nos transmitiron dun xeito tan coidadoso e apoixoante os seus coñecementos.

Comezamos a xornada coa visita ó Museo Xeolóxico de Quiroga, onde coñecemos a singuralidade das montañas do Courel, que nos amosan a simple vista como foi a formación do planeta Terra dos últimos 500 millóns anos, algo único e dun valor excepcional. Este é un dos motivos polos que no ano 2019 se creou o Xeoparque Montañas do Courel, que otorgou a este espazo unha protección e recoñecemento especial, que se suma ó seu espectacular patrimonio natural e cultural.

No museo pódense observar os minerais que se atopan nesta serra e que influiron no desenvolvemento humano das poboacións que aquí habitaron ó longo da historia, como o ouro na época dos romanos ou a lousa, coa que se construiron as aldeas deste territorio e aínda forma parte da economía local na actualidade.

Tamén se poden contemplar fósiles de distintas especies e información sobre interesantes descubrimentos antropolóxicos, como a de Elba, unha muller que viviu nestas montañas fai uns 9.000 anos, da que se atoparon os seus restos xunto cun grupo de uros, antecesores dos bois, e que resultou un dos primeiros indicios do pastoreo na historia da humanidade.

A continuación visitamos o Museo Etnográfico de Quiroga, cunha completa colección de utensilios, ferramentas e obxectos relacionados cos traballos, costumes e a vida do rural tradicional do Courel. O percorrido comeza coa sección apícola, o que indica a importancia e recoñecemento desta actividade na zona, onde podemos ver colmeas tradicionais e utensilios de traballo. Alí Manuel Macía, apicultor de Quiroga con perto de 2.000 colmeas distribuidas por diferentes lugares do Courel e que comercializa o seu mel coa marca Mel Rurá, explicounos como son os meles que se recollen aquí e a súa singuralidade, especialmente pola presencia de distintos tipos de brezos, principal flora melífera da zona.

Continuamos polo seguinte produto de gran importancia nestas terras dende tempos remotos: a castaña. A nosa guía explicounos comos era o procedemento tradicional de recolección e secado da castaña, proceso que permitía consumir este produto durante todo o ano, e que foi o sustento principal de alimentación da poboación destas terras. Para ver como se realizaba este traballo tradicional, pódese asistir á Festa da Pisa da Castaña, que se celebra tódolos anos na aldea de Froxán.

Seguindo co aproveitamento dos recursos da zona chegamos ó aceite, un produto que está sendo agora impulsado de novo, aínda que cunha produción pequena, pero que se remonta xa á epoca dos romanos. Ata fai pouco tempo era unha actividade prácticamente abandoada, pero pouco a pouco foise recuperando, e cada vez están tendo máis presencia as oliveiras na paisaxe do Courel. Existen dúas variedades de olivas autóctonas, das que se obtén unha limitada produción a unha prezo de venda elevado pero dunha calidade extraordinaria.

No resto do museo atopamos outras interesantes seccións adicadas ó ferro, madeira, textil… así como a casa e a escola tradicionais. Unha verdadeira viaxe ó pasado e as raíces do noso pobo.

Xantamos no restaurante A Cabina de San Clodio, un delicioso xantar e esmerada atención, e despois adentrámonos nas montañas do Courel con dirección á aldea da Seara, desfutando da fermosa paisaxe polo que percorría a estrada. Alí agardábanos Xavier Blanco para amosarnos a Fundación Legar, un museo sobre as músicas de raíz. Xavier é un músico e investigador das tradicións musicais de Galicia, que mamou dende pequeno o amor pola música, cunha extensa familia na que todos tocaban algún instrumento. Orixinario do Morrazo, decidiu mudarse ó Courel e emprender alí este fascinante proxecto coa creación da Fundación Legar, moito máis que un museo, e transmitir o seu legado e sabiduría, dende as orixes da música e a súa evolución, directamente relacionada cos modos de vida e tipos de sociedade.

Comezamos a viaxe coa frase “A música nace de copiar os sons da natureza”, que preside a primeira das salas do museo e rodeados de instrumentos de diferente tipoloxía, só unha parte dunha colección de 1.200 instrumentos. No centro, a antiga gaita de cana de Moaña, antecesora da gaita actual, que foi recuperada por Xavier Blanco e está en trámite de ser recoñecida como Ben de Interese Cultural. Nesta primeira sala, escoitamos o son dos paxaros, dende as doces rulas ata as imponentes aguias, que saían de pequenos instrumentos feitos con sementes, cunchas e outros elementos recollidos na natureza, cos que Xavier conseguía trasladarnos ós campos, bosques e mar, replicando perfectamente o seus sons. Despois, fómonos adentrando na vida das xentes que vivían en directa relación coa natureza e utilizaban a música para o traballo, para a festa e para os diferentes rituais cos que interpretaban a vida e o entorno que os rodeaba. Escoitamos o son de cornos, que chamaban polo gando ou daban algún aviso á veciñanza, os pequenos axóuxeres cos que arrolaban ás crianzas, ou o ritmo percutido nunha colmea tradicional feita con cortiza, para chamar polos enxames. 

Pasamos á segunda sala, na que con instrumentos algo máis elaborados, desfrutamos de fermosas cancións interpretadas excepcionalmente polo noso músico-guía, que nos contaban historias e trasmitían como era a vida noutras épocas. Coa pandeira, que entretiña ás crianzas para que acabaran a comida, a zanfona diatónica, coa súa antiga melodía que nos sumerxe no pasado, ou unha frauta tradicional, coa que sandaban os animais, e hoxe en día tamén se recoñece o seu efecto sanador nas persoas. Tamén escoitamos como saían melodías no chocar entre dúas zocas, o repenicar dunhas cuncas ou o abrir e pechar dun paraugas. Descubrimos como a música pode nacer de calquera obxecto, se se fai con amor e intención, co que poden ser interpretadas as máis bonitas e melodiosas cancións.

Para rematar, a última sala acollía instrumentos relacionados co entroido, unha das festas máis arraigadas da nosa cultura que foi evolucionando co cambio de sociedade e influencia doutras celebracións. Tamén coñecemos xogos musicais para crianzas, como un pequeno monicreque que cobraba vida bailando sobre unha pequena táboa.

Foi toda unha viaxe a través da música de raíz, unha intensa experiencia que nos levou ata orixe da música, coas primeiras sociedades humanas, ata chegar o noso pasado máis inmediato, do que aínda conservamos lembranzas e aprendizaxes dos nosos ancestros. 

De volta hacia Quiroga, fixemos a última da visitas nun cortín restaurado con fins divulgativos. Estas antigas construcións feitas coa técnica da pedra seca, declarada Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, eran fundamentais para protexer as valiosas colmeas dos ataques dos osos e outros animais. Na actualidade están volvendo a recuperar a súa función, co regreso do oso a estas montañas. O mesmo Manuel, o noso apicultor anfitrión, ten restaurados varios cortíns, con colmeas modernas traballando no seu interior, ós que tamén organiza visitas para conservar e dar a coñecer este rico patrimonio.