Neste mes de xullo tivo lugar o convivio anual de Máisquemel no Ecomuseo – Casa das Abellas de Abegondo, que tiña como tema o debate da apicultura de hai 100 anos comparándoa coa de hoxe en día.
Da man de Suso Asorey, o seu fundador, fixemos un percorrido polo exterior da casa co acompañamento musical do acordeonista Maestro Cociña, Paseando polos diferentes recunchos do xardín, Asorey foinos explicando como foi construindo este espazo, deixando facer a natureza e creando ambientes de gran beleza e armonía. Na Casa das Abellas xa non atopamos as colmeas, durante moito tempo protagonistas deste lugar, que agora deixaron paso ós albergues de polinizadores, onde podemos observar diferentes tipos de insectos que utilizan estes espazos como refuxio. Xa dentro da casa, visitamos a exposición, formada polas obras do I Concurso de Apiarte, xunto con outras pezas propias da Casa das Abellas, e a exposición “As abellas máis antigas de Europa”, cedida por Pajuelo Consultores Apícolas.







A continuación tivo lugar a charla de Damián Copena, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, baseada no artigo “Benigno Ledo, o cura das abellas, e a modernización da apicultura en Galicia”, do que é autor xunto con María Gómez Martín da Universidade de Oviedo e que foi publicado recentemente na revista “Cuadernos de Estudios Gallegos”.
Copena relatou como Benigno Ledo, un relixioso natural de Chantada e coñecido como o “Cura das Abellas” foi o introductor da apicultura moderna na Galiza, sendo o primeiro en utilizar unha colmea mobilista a finais do século XIX, a colmea Layens francesa. A diferencia das colmeas tradicionais, denominadas fixistas, a colmea mobilisita permitía manipular os cadros das colmeas e mellorar así o manexo e productividade, o cal suporía unha transformación da apicultura e a súa finalidade. Naquela época a apicultura era unha actividade moi extendida na Galiza, como demostra o catastro do Marqués de Esenada con 360.000 colmeas censadas no século XVIII, e estaba dirixida principalmente a unha economía familiar para autoconsumo, sobre todo centrada na produción de cera, unha industria moi potente na Galiza naquel momento. Así, a apicultura moderna vai mudar o uso das colmeas hacia unha maior produción de mel en detrimento da cera, converténdose nun dos produtos principais do agro galego.
Durante a primeira metade do século XX. Ledo adicouse á difusión deste tipo de apicultura, acadando o título de profesor de apicultura na Deputación de Lugo, que exercía en varios centros de ensino lucenses: Instituto de 2ª Ensinaza, na Escola de Mestras e no Seminario, así como nos cotos escolares apícolas, colmeares para prácticas asociados a escolas rurais. A labor docente extendíase a un tipo de ensino ambulante, dando cursos tanto por toda a provincia, e asesorando na implantación de novos colmeares e realizando o trasvase de colmeas fixistas a modernas. Toda esta información permanece recollida nas memorias que presentaba ante a Deputación, coa relación de lugares visitados e persoas que recibiran formación, entre as que destaca a participación de moitas mulleres.
Ledo ofrecía conferencias tanto dentro como fóra da Galiza e publicou artigos e manuais de gran difusión. Así, foi o autor do primeiro manual de apicultura de referencia en Galiza, “Curso práctico de apicultura”, publicado no ano 1929 cunha tirada de 1.000 exemplares, á que seguiron posteriores edicións máis completas, sendo a 3ª no ano 1946 de 4.000, un número moi elevado para aquela época para este tipo de publicacións.
A súa paixón pola apicultura levouno tamén a inventar un modelo propio de colmea, chamada Ledo-Argozón, un coitelo desoperculador específico para a esmelga, entre outros. Chegou incluso a participar na redacción dun Real Decreto en prol da apicultura, que recoñecía a importancia da actividade apícola, establecendo ventaxas fiscais para as persoas apicultoras, propoñendo normas de protección das colmeas e da flora melífera e establencendo unha denominación do mel oficial. Sería todo un avance na apicultura de hai 100 anos que estivo a piques de ser presentado no Congreso no ano 1936, pero o proxecto foi truncado polo comezo da Guerra Civil española.
En definitiva, Benigno Ledo pode ser considerado o pai da apicultura moderna na Galiza, un apaixoado polas abellas que adicou a súa vida á difusión e a defensa da apicultura, deixando un legado que marcou o devir da actividade apícola no noso país. Aínda hoxe, o seu “Curso práctico de apicultura” continúa sendo un manual de referencia e a súa figura continua presente entre os apicultores e apicultoras da Galiza.



Despois da sesión de mañá, realizamos unha tertulia apícola cos asistentes, na que saíron a relucir as problemáticas que afectan a actualidade apícola galega. Desde os monocultivos, ós pesticidas, cambio climático e, como non, a velutina.
A biodiversidade é fundamental para que os polinizadores teñan comida en abundancia e de calidade. A alimentación artificial que se está a practicar na apicultura na actualidade é desaconsellable. Poder ser necesaria para alimentar enxames, colmeas con poucas reservas para invernar, entre outros motivos, pero daí a alimentar de continúo é unha aberración que desprestixia as nosas producións.
Os pesticidas son unha arma de destrución masiva, matan abellas, polinizadores e aves que se alimentan deste tipo de insectos. Os enxames pasaron dunha mortandade anual de 7-8% hai 40 anos a un 30-40% na actualidade.
Desaconsellamos o uso de troianos para o control da velutina xa que o futuro deberá centrarse na loita biolóxica e o uso dos pesticidas que se aplican neste método perxudicial para esta loita.
O cambio climático, sobre todo o quentamento global, muda as floracións das plantas silvestres e perxudica as producións apícolas, causando unha disminución na produción de mel de 22 quilos por colmea ó ano a principios de século a 10 quilos na actualidade.
Recomendamos que non se rocen as matogueiras dos nosos montes, así como os xardíns durante a primavera, para que haxa comida para as abellas e outros polinizadores evitando destruir as niñeiras das aves e paxaros.
Para comercializar as pequenas produccións de produtores locais e quilómetro cero propoñemos os mercados locais, feiras do mel, venda na propia casa do produtor e produtora e incluso poñendo a venda os produtos na porta da casa en ausencia das produtoras. Para todo isto é imprescindible a confianza mutua de produtores e consumidores.
A continuación algunhas imaxes máis da xornada, para compartir con quen estivo e con quen non puido vir nesta ocasión.










Agradecemos a todas as persoas que nos acompañaron e participaron na xornada, especialmente a Damián Copena polo seu traballo de difusión da figura de Benigno Ledo, e tamén ó acordeonista Maestro Cociña e acompañantes, por darnos o pracer de pasear ó son da música pola Casa das Abellas.
