Skip to content Skip to footer

Arte e polinizadores no Parque de Vista Alegre

O Parque de Vista Alegre de Santiago de Compostela encheuse de arte e polinizadores o pasado 24 de maio, para celebrar a importancia das abellas e demais insectos. Nesta xornada de peche do programa de actividades do Día da Abella 2025, puidemos desfrutar dun espléndido día primaveral, no que nos achegamos ó mundo das abellas a través da arte, observamos insectos, aprendemos porque son tan necesarios e degustamos os produtos que nos ofrecen as abellas. 

Agradecemos a tódalas entidades e persoas colaboradoras e á xente que participou nas actividades, por formar parte desta celebración e acompañarnos nesta fermosa experiencia.

Pola mañá aprendemos sobre insectos e a súa función como polinizadores da man dun gran experto e divulgador, Marcos A. González, entomólogo e catedrático de Zooloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

A continuación tivo lugar a entrega de premios do I Concurso Apiarte, coa presenza das artistas gañadoras desta primeira edición, Ígor Francos Golán, que levou o 1º premio, Laura Munín Rodríguez o 2º e Mercedes Pintos Barral o 3º, que nos explicaron detalles da súa obra e, xunto con outras participantes do concurso, acompañáronnos nun percorrido pola exposición, que estará aberta ó público ata mediados de xuño.

Pola tarde, Lucía Ferreira, vogal de agroecoloxía de ADEGA, explicounos a importancia da presenza de insectos nas nosas hortas e xardíns, pois ademais de polinizar as plantas, indispensable para poder recoller despois os seus froitos, tamén nos axudan a controlar pragas e que os nosos cultivos e plantas medren sans. 

Para rematar a xornada, Suso Asorey, biólogo e divulgador do mundo das abellas, amosounos o Albergue de Polinizadores que instalamos no parque e descubrimos por que é tan importante crear estes espazos nos parques e xardíns das nosas cidades e vilas. 

Durante toda a xornada, as Mulleres Abelleiras Galegas expuxeron os seus produtos e ofreceron a degustación dos variados e saudables meles, e puidemos coñecer moito máis do mundo das abellas a través dos libros que estaban á venda, como o recén publicado Catágolo de Alvarizas de Terra de Deza e Serra do Candán que nos trouxeron dende a Asociación Cultural Vagalumes.

Para amenizar a festa, o grupo de gaiteiros de Ordes, acompañados por algúns membros da agrupación Sementes do Arte, encheu de música o parque, e o músico Javier García ofreceu unha actuación de guitarra clásica no museo e pechou a xornada cunha selección de animadas versións musicais, que fixeron bailar e cantar ó público presente.

Dende Máisquemel queremos agradecer enormemente a colaboración das seguintes entidades, que fixeron posible esta celebración:

Concello de Santiago de Compostela, Biblioteca Pública de Santiago Anxel Casal,  Divulgare – Universidade de Vigo, Museo de Historia Natural da USC, Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural, Escola Municipal de Música, ADEGA Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Mulleres Abelleiras Galegas e Asociación Cultural Vagalumes