A próxima viaxe de Máisquemel será ó Ecomuseo “El País del Abeyeiro”, un fermoso recuncho entre Galicia e Asturias, no que se atopa un centro de formación e educación apícola e ambiental, que ten como obxectivo dar a coñecer o patrimonio tradicional apícola e fomentar o valor da biodiversidade e dos insectos polinizadores.
A xornada terá lugar no vindeiro mes de setembro, o domingo 17, en Pena da Nogueira (Negueira de Muñiz), onde descubriremos un interesante proxecto de divulgación sobre o mundo das abellas creado por Alberto Uría, un xoven apicultor que decidiu apostar por unha vida en pleno contacto coa natureza, aproveitando os seus recursos e difundindo a importancia do seu coidado e preservación. Nesta pequena aldea, onde era orixinaria a súa familia, puxo en marcha o ecomuseo, ó que se foron engadindo co paso do tempo outros espazos feitos pola Asociación Corripa, da que é técnico, como o Xardín dos Polinizadores Fernando Fueyo ou a Ruta das Abellas e das Bolboretas dentro do proxecto O Souto de Humboldt.
O proxecto apícola de Alberto tamén inclúe a produción de mel baixo a marca “Outurelos”, o nome do monte colindante á aldea, onde antigamente estaba ubicado un cortín, colmear tradicional desta zona, e que acredita a importancia e tradición abelleira deste lugar. Na visita descubriremos como se recolle este excepcional mel dun xeito artesanal e con prácticas completamente respetuosas co medio e coas abellas.
É que estamos a falar dun pequeno paraíso natural, enmarcado por catro Reservas da Biosfera, declaradas pola UNESCO, únicas en Europa e no mundo, por onde voan e se alimentan as abellas e centos de especies diferentes de polinizadores.
A xornada comezará ás 11 h. coa benvida ó Ecomuseo El Pais del Abeyeiro por parte de Alberto Uría, para despois facer unha parte da ruta do Souto de Humboldt. Ó regreso visitaremos a aldea e o Ecomuseo e despois xantaremos de campo nos seus arredores. Pola tarde faremos un paseo guiado polo Xardín de Polinizadores Fernando Fueyo. Remataremos a xornada arredor das 18 h.
A actividade ten un custe de 25 € por persoa para membros do Club Máisquemel e 30 € para o resto, para crianzas menores de 12 anos será de 15 € e ata 6 anos de balde. No prezo está incluido o xantar de campo (empanada, auga e viño) e quen queira pode traer algo para compartir.
En canto ó transporte, en principio cada persoa terá que traer o seu coche, pero en función de cantas sexamos e a orixe, poderemos organizarnos para compartir vehículo ou incluso alugar un autobús dende algún punto de encontro. E se alguén quere ir xa o sábado, podemos informarvos das posibilidades de aloxamento da zona.