Skip to content Skip to footer

El Pais del Abeyeiro, o pequeno paraíso dos insectos

O pasado mes de setembro un grupo de 24 persoas integrantes de Máisquemel visitamos o Ecomuseo “El País del Abeyeiro”, un fermoso espazo adicado á formación e educación apícola e ambiental, que ten como obxectivo dar a coñecer o patrimonio tradicional apícola e fomentar o valor da biodiversidade e dos insectos polinizadores.

A xornada tivo lugar en Pena da Nogueira (Negueira de Muñiz). Alí, ademais de visitar o museo, realizamos a Ruta das Abellas e as Bolboretas polo Souto de Humboldt e paseamos polo Xardín dos Polinizadores Fernando Fueyo, dúas iniciativas impulsadas pola Asociación Corripa. Para descubrir estes interesantes lugares, tivemos como guía a Alberto Uría, apicultor, creador do Ecomuseo e técnico da Asociación Corripa, que nos acompañou durante toda a xornada e compartiu con nós os seus amplos coñecementos sobre abellas, polinizadores e medioambiente.

Comezamos a visita coñecendo o entorno que rodea a El Pais del Abeyeiro, un fermoso paraíso natural, enmarcado por catro Reservas da Biosfera, declaradas pola UNESCO, únicas en Europa e no mundo, por onde voan e se alimentan as abellas e centos de especies diferentes de polinizadores. Para iso, realizamos a Ruta das Abellas e das Bolboretas, que percorre o denominado Souto de Humboldt, chamado así en honor ó científico e explorador alemán, pola que desfrutamos da espectacular paisaxe do val do Navia, mentres descubríamos o seu valor natural, a flora e fauna que se atopa na zona, e o patrimonio tradicional etnográfico. Ó longo da ruta atopamos varias corripas, construccións tradicionais para a conservación e aproveitamento da castaña, así como unha alvariza que se pode apreciar ó outro lado do val. No monte Outurelos, un dos puntos máis altos da ruta e nome da marca do mel que comercializa Alberto, descubrimos a existencia en tempos pasados dunha alvariza, da que xa non quedan restos. Ademais, ó longo da ruta hai uns paneis adicados a personaxes históricos vinculados co mundo da ciencia, da bioloxía ou da cultura, un valor engadido na experiencia da ruta, pois mentres conectas coa natureza tamén aprendes historia.

 

Despois da ruta, que nos levou toda a mañá, puidemos repoñer forzas cunhas empanadas elaboradas no forno dunha vila veciña, e outros manxares que aportaron as visitantes, entre as que destacamos a gran variedade de deliciosas bicas que degustamos.

Pola tarde, demos un paseo polo Xardín de Polinizadores Fernando Fueyo, un espazo de recente creación, xestionado pola Asociación Corripa. O xardín é un lugar onde se instalaron numerosas especies de plantas que completan os seus ciclos naturais, sen intervir de xeito artificial, favorecendo así tamén a vida dos insectos que habitan o espazo. Trátase de buscar as condicións indóneas para acoller o maior número e diversidade posible de insectos, que buscan refuxio nos vellos muros de pedra ou nas casiñas de insectos colocadas no xardín. Así, as persoas que visitamos o lugar, podemos contemplar toda esta gran biodiversidade, na que os protagonistas son os insectos, os cales podemos coñecer tamén grazas os carteis informativos distribuidos polo espazo, por se non temos a sorte de atopalos en vivo.

 

E para rematar a xornada, visitamos o Ecomuseo, onde Alberto nos foi explicando os seus interesantes contidos, dende a tradición abelleira desta zona ata como extrae él mesmo o mel dos seus colmeares, tendo sempre presente na explicación o valor ambiental das abellas no ecosistema e outros animais cos que están relacionadas. En particular, falamos das outras abellas, das que se coñece menos, pero que son igualmente importantes, centos de especies de abellas solitarias ás que lle debemos tamén o mantemento da biodiversidade, da que dependemos todos os seres que compartimos o planeta.

Dende Máisquemel agradecemos enormemente a Alberto Uría o seu acompañamento ó longo desta xornada, grazas ó cal descubrimos este impresionante lugar e aprendemos tanto sobre as nosas amigas as abellas, non só das que fan o mel… E grazas tamén a todas as persoas participantes que se animaron a viaxar con nós ata este pequeno e lonxano recuncho para a maioría de nós, no que desfrutamos e descubrimos unha gran riqueza: cultural, natural e humana.