Maisquemel, na súa liña de ver cousas novidosas, organizou esta viaxe que tivo lugar entre o 6 e 12 de outubro deste ano 2023. Visitamos a Illa de San Miguel e a Illa Terceira, das nove que compoñen o arquipélago situado no medio do Atlántico e pertencente a Portugal. Unhas illas que podemos alcumar coma un xardín natural de natureza volcánica, cunha floresta endémica e unha climatoloxía moi apropiada para o cultivo das abellas.
Actualmente, o efectivo apícola nos Azores é de 7.800 colmeas, existindo perto de 430 apicultores e apicultoras, a exercer esta actividade. O recoñecemento da calidade e das características específicas do mel das Illas dos Azores, a partir dos néctares de incenso e multiflora, deu orixe á DOP Denominación de Orixe Protexida Mel dos Azores. A ausencia de doenzas nestas illas, nen varroa, nen velutina, favorecen a produción de alta calidade nos seu produtos, sobre todo no mel, cera e própole. A colmea que utilizan é de madeira da arbore criptoméria xapónica, tendo as vantaxes de pouco peso, longa vida útil e boas condicións térmica.
A apicultura nas Açores, é exercida maioritariamente como actividade complementaria a outra actvidade agrícola. A maioría dos apicultores posúen menos de 25 colmeas. Estimase a produción media dunha colmea na actualidade en 12 quilos de mel ó ano. Cinco anos atrás a produción era duns 35-40 quilos. Este brusco descenso, según os apicultores Azoranos, débese a práctica desaparición do trebo branco das pradeiras, debido a determinadas prácticas agrarias dirixidas a unha maior produtividade dos pastos.
O sector apícola organízase en asociación, coa súa respectiva cooperativa. A asociación realiza labores de formación e promoción e a cooperativa de comercialización. Cada apicultor percibe a maiores 30 € por colmea da UE e do goberno portugués 1,20 € por cada quilo de mel que entreguen na cooperativa, para incentivar o cooperativismo. Logo a cooperativa paga o mel a 8 € o quilo, a 9,50 € se é de produción ecolóxica. Tanto o mel coma a cera son tratados da forma conxunta, os apicultores non contan con locais propios para estas labores, as cooperativas encárganse de todo. Visitamos algún apiario, salas de acondicionado do mel e laminación da cera.
Tanto estas fermosas paisaxes, coma a extraordinaria gastronomía e amabilidade das abelleiras e abelleiros, as autoridades coa súa disposición a facernos sentir moi cómodos e ben tratados, merecen que recomendemos encarecidamente esta viaxe.
Moitas grazas aos camaradas portugueses!