O pasado mes de xuño desfrutamos dunha interesante xornada de apiturismo pola Costa da Morte, coa compaña e guía dos amigos da Asociación Río Vadebois de Caldebarcos, César, Domingo, Lourenzo e Miguel, e a experta en patrimonio tradicional apícola Carme Toba.
Como resumo da xornada, compartimos este artigo de Carme Toba, publicado en Apatrigal, Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego, da que Carme forma parte como directiva.
Moitas grazas ás participantes por acompañarnos nesta xornada e especialmente un sinceiro agradecemento ós membros da Asociación Río Vadebois e a Carme Toba por facela posible.
Da man do colectivo “Máisquemel” presidido por Paula Souto e Suso Asorey visitamos Caldebarcos-Carnota.
A comunidade de montes de Caldebarcos amosóunos dúas alvarizas. Unha na paraxe do Rego da Leña e outra no Chan das Alvarizas. Membros desta comunidade de montes, tales como César, Domingo e Lourenzo (este último de O Incio, afincado en Caldebarcos) explicáronnos a marabillosa iniciativa da mellora de viais, roteiros, limpeza de especies arbóreas invasoras, así como a repoboación con especies autóctonas e asentamentos de colmeas. Un roteiro con historia.
Comezamos o ascenso preto da aldea de San Cibrán (onde tamén teñen unha alvariza con difícil acceso). No ascenso, César sinalou cara Os Agullóns en referenza aos petóns en forma de agulla. Máis a dereita sinalou cara unha rocha lisa e horizontal onde nace a Fonte Mixirica, que lle ven o nome porque precisamente bota unha mixiricada de auga, na que hai que beber dunha folla que se mal non lembro chamoulle “borteira”.
Seguimos ascendendo ata o Chan das Alvarizas onde teñen un asentamento apícola con especies arbóreas como carballos e sobreiras ou corticeiras. Preto hai un Barreiro onde extraen un barro de calidade para recebar os cortizos. No seguinte ascenso chegamos ata un cruce de camiños parapetados polos Petóns dos Setenta Collóns.
Precisamente no camiño que baixaba desde o alto é o denominado Camiño dos Costados (chamado así porque costeaban os cadaleitos dos mortos ás costas desde O Pindo para seren enterrados en San Mamede, pois o Pindo non tiñan cemiterio. Por este camiño tamén viñan as mulleres con cestos á cabeza de froita e legumes para ser vendidos noutros lugares.
Hai outro Camiño dos Costados que vai de Panchés a Caldebarcos. Supoño que cada aldea trazaría os seus costados ata San Mamede por onde máis doado lles supuxera ir. O que collemos nós foi o Camiño dos Costados que ven do Pindo.
Ao divisaren a igrexa de San Mamede, así nos contou César, pousaban o cadaleito e rezaban, polo tanto, hai dúas referenzas toponímicas chamadas “Ondesadora”, en alusión á pousada da caixa para adorar e rezar cara o santo. Nunha referenza destas hai unha pedra de xeito horizontal onde pousaban a caixa do morto. O camiño é empinado, esvaradizo e agreste. A comitiva fúnebre facíana por quendas para cargar co finado e outro levaba o pendón.
O Camiño dos Costados enlaza nun punto co Paso do Currusal que é un dos puntos máis complicados para o descenso.
Temos que situarnos nun contexto histórico distinto, cando nas aldeas os velorios eran de cecais dous días e logo colleren o cadaleito con choiva ou sol e andar tantos km en condicións adversas polo Pindo cunha caixa ás costas; sen refrixeración ou preparamento do corpo como hai actualmente nos tanatorios.
Neste punto “Ondesadora” xa de divisan as marismas de Caldebarcos ao igual ca praia de Carnota. Marismas conservadas pola Rede Natura cunha manga dunar que as separa do mar. Contaba César que a manga dunar non existía, eran só marismas.
A manga dunar apareceu co tempo polo arrastre de sedimentos a través dos incendios que se foron depositando ao longo dos anos. A propósitos destas marismas, seguiunos contando César que serviron noutros tempos para apañar espadanas e xuncos para estrume dos animais, paceren as vacas nos arredores e sacar fames nos tempos da guerra.
Agora coa Rede Natura non se poden tocar, cousa negativa tamén porque non se renova nin se limpa como facían os devanceiros que aproveitaban do medio o que necesitaban sen destruir o entorno. Pois nos tempos da guerra estas marismas taparon moitas fames ao ser lugar de minchas e moluscos.
Anteriormente na baixada tamén vimos unha cova dos chamados fuxidos. Estes non eran máis ca homes das aldeas que non querían a guerra, polo tanto, fuxían cara os petóns para non seren obrigados. Facían vida no monte e coidaban de non seren descubertos. Mulleres e familias que tiñan os seus fuxidos, os propios fuxidos e os restantes oriundos orientábanse polas pedras e puntos concretos (toponimia) para chegar aos sitios ou dar cos animais no monte.
Tamén nos explicaron como partes das abas do monte eran cultivadas, aínda que hoxe vémolas como imposible, antes eran parcelas con diversidade de cultivos.
O descenso foi polos muíños de Valdebois onde o deseño e arquitectura dos ancestros deixou pegada con excelentes canles graníticas e cubos para recollida de auga.
O sistema de cubo empregábase para muíños con regatos de pouco caudal.
A choiva fixo acto de presenza e agradecemos a César a súa humildade por brindarnos o seu fogar. Xa pola tarde, desde o Ézaro-Dumbría subimos ao complexo etnográfico do muíño de Louredo. Un enclave fermoso co complexo etnográfico composto por muíño con antiga lacena de abellas, alvariza e pontella, ademáis dunha congostra amparada por carballos, accesible e coidada.
Alí Lourenzo contounos que os muiñeiros comparados cos demáis labregos eran “técnicos” de antes, pois sabían picar as moas, facer labores de vixiancia, limpar canles e en definitiva levar o traballo que require un muíño e polo tanto eran admirados polo seu labor.
Unha noite no muíño
unha noite non é nada,
Unha semaniña enteira
esa si que é muiñada.
Agradecer a estes pequenos concellos, ás comunidades de montes, asociacións culturais e estas pequenas grandes xentes das aldeas divulgadoras do patrimonio material e inmaterial por faceren posible estes roteiros con historia e a que o legado dos nosos devanceiros non se perda no tempo, ou cecais se perda menos.
Grazas.
Carme Toba
Vogal da Xunta Directiva de Apatrigal