Skip to content Skip to footer

Día da Abella 2023: Os Bolechas, Mulleres Abelleiras e Casas de Insectos

O pasado 20 de maio celebramos por todo o alto o Día Mundial das Abellas en Santiago de Compostela. Acompañáronnos centos de nenos e nenas, as súas familias e moitos amigos e amigas das abellas. Foi unha gran festa coas abellas como protagonistas, que adicamos á divulgación do importante papel da abella e demais polinizadores no mantemento da biodiversidade, reivindicando a urxente necesidade de protexelos ante as amenazas ambientais que os están atacando: pesticidas, cambio climático, contaminación… Con ese fin, o colectivo Máisquemel, en colaboración con varias entidades, organizamos unha completa xornada de actividades dirixidas a todos os públicos, para dar a coñecer estes pequenos e importantes insectos.

Durante a mañá, o salón de actos da Biblioteca Anxel Casal encheuse de familias e crianzas para desfrutar das súas personaxes favoritas: Os Bolechas, que acudiron a esta cita para amosar a través do conto “Os Bolechas – Máis que Mel” o interesante mundo das abellas e da súa importancia no medioambiente.
 

Pola tarde, a celebración continuou no Museo de Historia Natural, onde o público participante, a maioría nenas e nenos pero tamén persoas de tódalas idades, aprenderon a facer casas de insectos e descubriron a importancia tamén de coidalos e protexelos, xunto coas abellas. De agasallo ademais, levaron una candea de cera de abella feita por elas mesmas.

Tamén acudiu á celebración o Colectivo Mulleres Abelleiras Galegas, que aproveitou a cita para reunirse e ir construindo un novo espazo para visibilizar a figura da muller no mundo das abellas.

E xa por último, todas as participantes na xornada puideron levar a súa credencial do Xubileo Apícola 2023 e acreditarse así como auténticas persoas defensoras das abellas.

Moitas grazas a todas e todos por participar neste Día Mundial da Abella 2023!