Esta semana arrancaron as actividades do Día da Abella 2023. A exposición “Expomundo das abellas” está xa aberta ó público na Biblioteca Anxel Casal e o 5 de maio presentamos o programa de actividades que terán lugar durante todo o mes.
No acto de presentación Suso Asorey e Paula Souto, membros de Máisquemel, explicaron os contidos do programa que se desenvolverá durante todo o mes e especialmente o día 20 de maio. Estiveron acompañados por representantes das diferentes entidades colaboradoras: Biblioteca Pública Anxel Casal, Museo de Historia Natural da USC, Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural e Centro de Formación Profesional Politécnico de Santiago, e outras persoas convidadas.
Ademais, durante a mañá visitaron a exposición 60 alumnas e alumnos do CEIP López Ferreiro de Santiago e CEIP Sarandón de Vedra, que aprenderon tamén a construir casas de insectos, mentres descubrían a importancia das abellas e demais insectos polinizadores na natureza.
Con esta actividade, as crianzas participantes foron tamén as primeiras en comezar co Xublieo Apícola, que terán que completar coa visita ó Museo de Histora Natural da USC e conseguir así a súa credencial de “defensoras/es das abellas”.
Grazas a todas e todos por participar e acompañarnos neste primeiro día de actividades!
A próxima semana continuamos o 10 de maio coa xuntanza “A apicultura na encrucillada” ás 12 h. na Biblioteca Anxel Casal e ás 17 h.coa presentación da “Guía do Xardín de Polinizadores Fernando Fueyo” de Negueira de Muñiz, coa participación de Alberto Uría, un dos seus autores.
Máis información: Programa Día da Abella e Xubileo Apícola