Skip to content Skip to footer

III Encontro de Mulleres Abelleiras Galegas – 23 de novembro en Agolada

O vindeiro 23 de novembro o colectivo Mulleres Abelleiras Galegas celebraremos o noso III  Encontro coa visita a “A Cova Mel e Apicultura”,  un proxecto de Eva Fernández, a muller abelleira que fará de anfitriona nesta xornada.

A Cova Mel e Apicultura está ubicado no Monte Farelo (Agolada, Pontevedra) onde Eva, unha xoven que decidiu apostar pola vida no rural, coida dunhas 100 colmeas das que recolle meles multiflorais e monoflorais, especialmente de castiñeiro. Elabora tamén bálsamos labiais, candeas de cera aromatizadas e outros produtos novidosos, como envoltorios para alimentos feitos con cera de abella, o cal aprenderemos  a facer nun obradoiro que terá lugar durante a xornada. Ademais disto, tamén está preparando un espazo para destinar a actividades de apiturismo. E todo caracterizado por unha imaxe moi coidada e orixinal, o que lle da un especial valor ós produtos e actividades que ofrecen en A Cova.

Ademais, os encontros de Mulleres Abelleiras tamén teñen a finalidade de coñecer e crear sinerxias con outros colectivos de mulleres. Por iso, nesta ocasión convidamos á Asociación Mulleres Salgadas, integrada por mulleres que se adican ó sector pesqueiro galego. Celia Herbón, bateeira e vicepresidenta da asociación, falaranos sobre a profesión mariñeira dende a perspectiva de muller e contaranos como a asociación está contribuindo á visibilización e empoderamento da muller neste sector.

Ó longo do día, haberá momentos para compartir tamén experiencias entre as participantes, coñecendo as actividades ás que nos adicamos cada unha de nós e intercambiando ideas sobre como ir avanzando no noso proxecto.

Calquera muller con interese nas abellas e que realice algunha actividade relacionada con este sector, está convidada a participar na xornada. Para ser unha muller abelleira non é necesario ter colmeas, tamén o son as mulleres que se adican á comercialización dos produtos das abellas, ó campo da investigación relacionada coas abellas ou o medio ambiente, a educación ambiental ou incluso a saúde, utilizando os produtos da colmea que tantos beneficios nos aportan. 

Programa:

10.30 h. Recepción e benvida. Presentación das participantes e visita ás instalacións de A Cova

11.30 h  Coñecemos a “Mulleres Salgadas” Asociación Galega de Mulleres do Mar. Con Celia Herbón, vicepresidenta da asociación.

12 h. Obradoiro: Aproveitamento da cera e envoltorios para alimentos. A cargo de Eva Fernández, A Cova.

13 h. Exposición de produtos e cata de meles colectiva.

14 h. Xantar en Agolada

16 h. Información do Programa Cultiva do Ministerio de Agricultura. A cargo de Olga Ferreiro, abelleira de Xinzo de Limia.

16.30 h. Valoración do encontro e ideas para próximas actividades

17 h. Visita ós Pendellos de Agolada

18 h. Peche das xornadas.

Prezo: 15 € / Para socias de Máisquemel 10 € (non está incluído o xantar)

Inscricións: Enviar un email co nome, apelidos, teléfono e email de contacto a info@maisquemel.gal  (ata  o 20 de novembro)

Organiza: Mulleres Abelleiras Galegas

Colaboran: Máisquemel e A Cova Mel e Apicultura