Skip to content Skip to footer

Descubrimos o Xardín de Polinizadores con Alberto Uría

No día de onte acompañounos Alberto Uría, apicultor e creador do museo El Pais del Abeyeiro, para presentarnos o Xardín dos Polinizadores de Negueira de Muñiz. No Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, tivo lugar a presentación da Guía do Xardín de Polinizadores, editada pola Asociación Corripa. Xoana Pintos, Presidenta da Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural, foi a encargada de presentar o acto, que dou paso a Alberto Uría, un dos autores da guía e membro de Corripa.

Da man de Alberto descubrimos como foi a orixe deste apaixoante proxecto de divulgación ambiental, as dificultades e os logros obtidos e como, tanto Alberto a Asociación Corripa, están loitando por poñer en valor os insectos polinizadores e as abellas, destacando especialmente a súa función polinizadora.

O Xardín dos Polinizadores é un espazo para os insectos, ofrecéndolles as condicións perfectas para a súa vida e para que a biodiversidade se expandira, coa proliferación de todo tipo de plantas silvestres grazas, entre outras cousas, ó efecto da súa polinización. Con medidas simples pero importantes, como manter os muros de pedra seca propios do lugar para que sirvan de refuxio a insectos e plantas, instalando casas de polinizadores, ou deixando medrar as herbas ata que cumplan co seu ciclo, obtéñense grandes resultados.

Neste enorme xardín de 3500 m2 podemos observar máis de 100 plantas identificadas, ademais de outras que foron aparecendo de xeito espontáneo, e atopar unha gran diversidade de insectos.

O obxectivo final é dar a coñecer este incrible mundo dos insectos, aínda tan descoñecido, e favorecer a súa investigación que é moi escasa pero necesaria, xa que, tal como indicaba Uria, os insectos son indispensables para o mantemento da biodiversidade e da vida no planeta.

Dende Máisquemel, anunciamos tamén onte que organizaremos unha xornada no mes de setembro para ir a visitar este lugar e coñecer en persoa este impresionante espazo e a fermosa paisaxe que o rodea. Convidamos a todas as persoas interesadas en participar a informarse na nosa web www.maisquemel.gal e redes sociais.

Tamén durante a mañá de onte, Alberto acompañounos na xuntanza sobre apicultura que tivo lugar na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, á que asistiron unhas 25 persoas, na súa maioría apicultoras e amantes das abellas, que foi un interesante intercambio de opinións e ideas sobre como é a situación actual da apicultura, relacionada coa problemática ambiental que está afectando ás abellas.

As persoas que participaron na xornada, recibiron tamén a súa credencial do Xubileo Apícola 2023, para levar como lembranza deste día. Parabéns a todas e grazas por participar!