O pasado martes 7 de maio, comezamos as actividades do Día da Abella 2024, coa inauguración da exposición “As abellas máis antigas de Europa” e unha cata de meles a cargo da IXP Mel de Galicia.
Paula Souto, membro de Máisquemel, presentou as actividades que se desenvolverán durante o mes de maio , así como ás entidades colaboradoras e outras que participarán no evento, cuios representantes nos acompañaron tamén neste acto: Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural, Biblioteca Pública Anxel Casal, IXP Mel de Galicia, Centro Formación Profesional Politécnico de Santiago, Concello de Santiago de Compostela, Ecomuseo Casa das Abellas e Central Folque.
Suso Asorey, biólogo e fundador de Máisquemel, detallou os contidos da exposición e falounos sobre a importancia de valorar no mercado ó Mel de Galicia respecto a outros produtos de usos similares. A continuación, Esther Ordóñez, presidenta da IXP Mel de Galicia, interviu presentando o Consello Regulador e explicando cales son as súas funcións e a súa relevancia á hora de protexer o produto galego e promocionar a súa calidade. Para rematar, desfrutamos dunha cata de Meles de Galicia, coas explicacións de Beatriz Ríos, técnica de Mel de Galicia, coa que aprendemos a distinguir os diferentes meles que podemos obter na nosa terra: mel de silva, eucalipto, castiñeiro e mel de bosque (melato de carballo).
A exposición “As abellas máis antigas de Europa”, cedida por Pajuelo Consultores Apícolas, está composta por unha serie de paneis con información sobre a evolución das abellas e inclúe ademais fósiles, sedimentos e ámbares con abellas e outros himenópteros. Estará aberta ó publico ata o 31 de maio.
A celebración do Día da Abella continuará a fin de semana do 18 e 19 de maio, cun espectáculo de títeres na Biblioteca Pública Anxel Casal, a inauguración do hotel de polinizadores no Parque de Vista Alegre, portas abertas no Museo de Historia Natural e un convivio na Casa das Abellas de Abegondo, ademais doutras actividades. Información completa do programa en “Día da Abella 2024”