O sábado 18 de maio, na celebración do Día Mundial da Abella, teremos unha xornada moi interesante para coñecer mellor ós pequenos insectos protagonistas deste mes: as abellas e polinizadores, así como o seu gran labor na natureza, que todos e todas debemos coñecer para poder entender a importancia da súa presenza nos ecosistemas e a necesidade da súa protección.
Pola mañá, na Biblioteca Pública Anxel Casal ás 12 h. a Compañía Garabullos ofrecerá o espectáculo infantil titulado “Pirula e o misterio das abellas”, unha obra de monicreques para reflexionar sobre a importancia dos polinizadores no noso ecosistema. Grazas a esta divertida e educativa historia, descubriremos a necesidade de coidar aos nosos amigos os insectos. E para completar a experiencia, tras a función desfrutaremos dun obradoiro onde poderás aprender máis sobre a temática da obra de forma amena e entretida. A actividade é de entrada libre ata completar a capacidade da sala.
Ese mesmo día pola tarde, a celebración continuará no Parque de Vista Alegre e Museo de Historia Natural. Ás 17 h. terá lugar a inauguración do “Hotel de Polinizadores”, que dará acubillo a partir dagora a unha gran diversidade de insectos, encargados da polinización do parque. Esta construcción foi realizada polo Centro de Formación Profesional Politécnico de Santiago e instalada coa colaboración do Concello de Santiago. Despois do acto, as persoas asistentes poderán participar nun obradoiro co que completaremos a construcción do hotel, mentres aprendemos como son este tipo de espazos e cal é a súa función.
Para completar a tarde, a Libraría Aenea fará unha presentación de publicacións relacionadas coa natureza, e durante todo o día o Museo de Historia Natural terá xornada de portas abertas.
Información do programa completo das actividades: “Día da Abella 2024”