O sábado 18 de maio, con motivo do Día Mundial da Abella que se celebra internacionalmente o día 20 de maio, celebramos en Santiago de Compostela unha xornada moi interesante, na que nos achegamos ó mundo dos insectos polinizadores, entre eles as abellas, para entender cal é a súa indispensable función na natureza, e polo tanto defender o seu coidado e protección.
A Biblioteca Pública Anxel Casal acolleu pola mañá un espectáculo de monicreques, a cargo da Compañía Garabullo, titulado “Pirula e o misterio das abellas”. A sala encheuse de familias coas súas crianzas, que aprenderon por que son importantes as abellas, as ameazas ás que se enfrontan: uso de pesticidas e transxénicos, e como podemos facer para protexelas. Para rematar, participaron nun obradoiro de creación de chapas e imáns, co que levar un recordo da experiencia e co que poder compartir a mensaxe.
Pola tarde, tivo lugar a inauguración do primeiro “Hotel de Insectos Polinizadores” de Santiago de Compostela, ubicado no Parque de Vista Alegre, no que estiveron presentes as entidades que colaboraron na instalación deste espazo: Máisquemel, Centro de Formación Politécnico de Santiago de Compostela, Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural, Museo de Historia Natural e Concello de Santiago. Ademais do público asistente que se achegou para coñecer o proxecto e participar no obradoiro que tivo lugar a continuación, sobre construcción de hoteis de insectos.
Dende Máisquemel, Xesús Asorey e Paula Souto explicaron a finalidade deste hotel de insectos, que visibilizará a presenza destes pequenos bichiños e así coñecelos mellor e aprender a coidalos. Insistiron na importancia de crear este tipo de espazos amigables cos insectos polinizadores, que son claves para garantir a biodiversidade e a vida no planeta, tal e como a coñecemos. A instalación desta estructura, que se completará introducindo no seu interior unha serie de materiais para acoller os insectos, como madeira furada, canas, cortiza ou palla, é o primeiro paso para ir convertindo o Parque de Vista Alegre nun espazo adicado á divulgación sobre os polinizadores e as plantas.
Por parte do Centro de Formación Profesional Politécnico de Santiago, o profesor José Antonio Pose, explicou que a estructura foi deseñada e realizada polo alumnado do centro. Anunciou tamén que están traballando na fabricación de aniñadeiras para os paxaros, que poderán tamén despois ser colocadas no parque e así seguir completando o proxecto e facilitar a presenza de animais que favorezan a biodiversidade, como as aves.
Xoana Pintos, presidenta da Asociación de Amigos do Museo, recalcou a necesidade de crear lugares como este, pois para protexer ós insectos, primeiro hai que coñecelos, e así despois poder amalos e coidalos. Ademais, necesitamos urxentemente esta protección, pois estamos nun momento crítico de perda de biodiversidade, e os insectos están sufrindo especialmente este declive. Os parques urbanos en Europa estanse convertindo en lugares con maior biodiversidade que zonas de monte, o cal é un valor que temos que saber aproveitar. O director do Museo, Javier Iglesias, proseguiu agradecendo a todas as entidades que colaboraron neste proxecto e remarcou a necesidade de protexer os insectos, que son parte indispensable da cadea dos ecosistemas.
Por último, o concelleiro Xesús Domínguez amosou a vontade do Concello para colaborar na creación deste espazo así como de poñer en marcha outras ferramentas en favor da protección dos insectos, que contribuirá á polinización dos espazos verdes do concello e aportar así un gran de area para frear a perda de biodiversidade. Así por exemplo, falou de deixar zonas nos parques nas que non se corten as plantas antes de rematar o seu ciclo, para deixar que as súas flores sexan visitadas polos insectos e que cumplan a súa función.
Despois do acto, as persoas asistentes puideron participar nun obradoiro sobre a construcción de hoteis de insectos. Especialmente o público miúdo desfrutou traballando coas súas mans, manipulando os materiais que despois serán utilizados para rematar o “Hotel de Polinizadores” do parque.
Durante a tarde, acompañounos a Libraría Aenea coa presentación de publicacións relacionadas coa natureza, e o Museo de Historia Natural abriu as súas portas durante todo o día.
O día 20 de maio, participando na celebración mundial do Día da Abella, Máisquemel realizou un obradoiro sobre o mundo das abellas e dos insectos na escola Semente de Compostela, na que as crianzas de infantil aprenderon a variedade e riqueza dos produtos das abellas e a súa importancia no medio ambiente.
E as actividades continúan na Biblioteca Anxel Casal coa exposición “As abellas máis antigas de Europa”, aberta ata o 31 de maio, data na que pecharemos o programa coa presentación da publicación “Abellón, o libro negro das zoadeiras” da Central Folque, para o que contaremos cos seus autores.
Máis información do programa: Día Mundial das Abellas 2024