O vindeiro 20 de maio celebraremos o Día Mundial da Abella realizando o Xubileo Apícola en Santiago de Compostela. Será unha data para divulgar e reinvindicar o importante papel dos polinizadores, e da abella en particular, no mantemento da biodiversidade.
A abella é o principal insecto polinizador que existe na natureza. A situación actual da pervivencia das abellas está en perigo por mor das actividades humanas. Chamar a atención destas circunstancias e concienciar a humanidade é o principal obxectivo da celebración anual do DIA MUNDIAL DA ABELLA que foi declarado pola ONU o 20 de maio de cada ano.
Con motivo desta celebración, dende Máisquemel organizaremos o Xubileo Apícola en Santiago de Compostela, no que poderán participar todas as persoas interesadas, veciñanza de Compostela, as que cheguen facendo o Camiño e demais visitantes, realizando un percorrido a través do cal coñecerán a indispensable función da abella e outros insectos polinizadores na natureza, a importancia do coidado do medio e como podemos axudar nós nesa tarefa.
As persoas participantes levarán un folleto que terán que selar nos lugares das actividades e presentarán despois para obter a credencial do Xubileo Apícola 2023, co cal convertiranse en “defensores e defensoras das abellas”. Ademais, durante todo o mes de maio e no propio día 20, haberá varias actividades para todos os públicos: obradoiros, encontros, presentacións….
A continuación publicamos un adianto do programa que iremos completando nos próximos días.
BIBLIOTECA ANXEL CASAL
Do 2 ó 31 de maio: “Expomundo das abellas”
Exposición sobre o mundo das abellas cos seguintes contidos:
– Os Bolechas e Máisquemel
– Da Flor á Mesa, historia dunha pinga de mel
-O Panal: A matemática na vida das abellas
20 de maio, ás 12 h.: Actuación de “Os Bolechas”
A familia dos Bolechas visitará a biblioteca e amosará ós nenos e nenas o interesante mundo das abellas a través do conto “Os Bolechas – Máis que Mel”.
Actividade para público infantil, con entrada libre ata completar a capacidade da sala.
27 de maio, ás 12 h.: Contacontos sobre abellas en inglés “Farmyard”, por Kids&Us
Un granxeiro decide participar no premio da granxa máis limpa. Pero ao porquiño e ao cadeliño da granxa gústalles moito xogar na lama. A abella raiña ameaza con marchar se os outros animais non respetan o seu hábitat… Poderá o granxeiro gañar o premio? Quedarán as abellas a vivir na granxa?
Actividade para público infantil, con entrada libre ata completar a capacidade da sala.
MUSEO DE HISTORIA NATURAL USC
20 de maio: Portas abertas no Museo e obradoiro de casas de polinizadores
Durante todo o día o Museo abrirá as súas portas e pola tarde realizaremos un obradoiro de albergues de polinizadores. Actividade de balde, ata remate dos materiais dispoñibles.
OUTRAS ACTIVIDADES
Encontros, presentacións, visitas… Máis información os próximos días.
ORGANIZA E PATROCINA: Máisquemel
COLABORAN: Biblioteca Pública de Santiago Anxel Casal, Museo de Historia Natural da USC, Asociación de Amigos do Museo H.N. da USC, C.I.F.P. Politécnico de Santiago.