Skip to content Skip to footer

As Mulleres Abelleiras Galegas seguen tecendo redes

As Mulleres Abelleiras Galegas reuníronse o pasado 2 de decembro en Tomiño, para continuar traballando na configuración do colectivo como unha rede de mulleres coa que aprender unhas das outras sobre o mundo das abellas, dende a diversidade de campos cos que podemos achegarnos ás abellas. Pero tamén unha rede coa que empoderar á muller dentro do sector, valorándoa e dándolle visibilidade e presenza dentro deste sector.

A xornada comezou coa ponencia de Sandra Rojas, apicultora e investigadora da Universidade de Vigo, que nos relatou como son os efectos da depredación da Vespa velutina sobre os polinizadores. Foi unha completa exposición sobre a invasión desta especie en Galicia, como foi orixinada e cales están sendo as súas consecuencias medioambentais. Rojas tamén explicou cales foron as ferramentas utilizadas ante esta situación por parte do sector apícola e das diferentes administracións, cuns resultados que, desgraciadamente, non solucionaron moito o problema. Según esta investigadora, o único que os estudios científicos demostraron algún resultado favorable ata agora foi o uso das chamadas arpas eléctricas. Pero insistiu na importancia da investigación para amosar e validar con datos o que está ocurrindo así como para desenvolver as ferramentas máis efectivas e seguras para o medio ambiente.

A media mañá, incorporouse á xornada Belén Fervenza, agricultora en ecolóxico e membro da Secretaría da Muller do Sindicato Labrego Galego, para contarnos a experiencia desta organización de mulleres, cunha traxectoria xa de 20 anos e referente na incoporación e empoderamento da muller dentro do sector agrario galego. Belén contounos a importancia que supuxo para as mulleres do Sindicato esta iniciativa, liderada naquel momento por Lidia Senra, grazas á cal a presenza e participación das mulleres nesta organización foi aumentado e consolidándose ano tras ano. Froito tamén deste traballo, houbo varias mulleres en postos de dirección do sindicato, tanto na presidencia como noutras áreas de traballo, o cal aínda non se produce noutros sindicatos do sector, dentro ou fóra de Galicia.

Isto foi o resultado dun gran traballo por parte  da Secretaría da Muller, dirixido en gran medida á formación con perspectiva de xénero que recibiron as mulleres, a través especialmente dos encontros anuais da Secretaría da Muller. Nestas xuntanzas só participan mulleres co obxectivo de ofrecer un espazo de seguridade e confianza, que non sería posible se participasen tamén os homes, debido á educación recibida e a desigualdade de condicións entre homes e mulleres que vivimos nesta sociedade. Tal como explicaba Belén, estes encontros convertíronse nun momento moi importante para as mulleres, que agardan con impaciencia a súa celebración e que son necesarios para seguir traballando ese empoderamento das mulleres, que lle servirá para trasladar despois ós demais espazos das súas vidas.

Na sesión da tarde, as participantes intercambiaron opinións sobre a xornada e da información recibida, tanto polo público presente como das relatoras das charlas. Algunhas das conclusións foron que estes encontros son moi útilies para aprender e intercambiar experiencias e tamén para dar visibilidade e voz ás mulleres que traballan `polas abellas. É  importante seguir traballando na diversidade do colectivo, que vaia incorporando as diferentes pespectivas que están relacionadas co mundo das abellas e animar a participar a mulleres que non sexan apicultoras, pero que teñan algún vínculo coas abellas, dende a agricultura, a gastronomía, venda de produtos…

Outro dos acordos tomados foi a necesidade de organizar encontros só para mulleres, tomando como referencia a experiencia a Secretaría da Muller do do SLG, para traballar no empoderamento das Mulleres Abelleiras. Aínda que tamén se considerou importante realizar actividades abertas a todos os públicos, como por exemplo obradoiros ou xornadas temáticas.

Valorouse de forma moi positiva o espazo utilizado neste encontro, o Mercado Municipal de Tomiño, que ofrece moitas posibilidades para futuras actividades, así como a colaboración do Concello de Tomiño, que ofreceu moitas facilidades. Así que, as mulleres do colectivo que son da comarca decidiron ir xa preparando unha actividade neste mesmo espazo, que terá lugar seguramente na primavera.

Para rematar, acordouse realizar o III Encontro de Mulleres Abelleiras Galegas en novembro do 2024, co lugar aínda por precisar e seguir traballando na incoporación de máis mulleres ó colectivo.

Agradecemos ó Concello de Tomiño e ó Mercado Municipal de Tomino por acollernos e ofrecernos tantas facilidades, así como a Sandra Rojas por ofrecernos ós seus coñecementos e a Belén Fervenza por animarnos a seguir construíndo este espazo para mulleres. E por suposto moitísimas grazas tamén a todas as participantes que nos acompañaron nesta cita.