Skip to content Skip to footer

Apiturismo por Eivissa, escapando da DANA

Un grupo de apituristas de Máisquemel visitamos Ibiza, a maior das Illas Pitiusas, entre os días 11 e 14 de outubro. Os nosos obxectivos cumpríronse a medias, perseguidos por unha DANA que nos fixo mudar o programa máis dunha vez. Puidemos homenaxear á familia Pajuelo, Consultores Apícolas de Castellón, que nos acompañaron nesta viaxe e que tantas veces viñeron a Galicia a compartir as súas sabedorías.

O día 12 celebramos o encontro cos nosos parteneres da Asociació d’Apicultors d‘Eivissa, pero mudando o programa, desenvolvendo parte no propio hotel e pola tarde no Centro Cultural da cidade.

Alí repasamos a flora melífera de Galicia e Eivissa e probamos os meles aportados gratuitamente pola nosa cooperativa Erica Mel: mel de eucalipto, mel de castiñeiro, mel de brezo, mel de melato e milflores das nosas paisaxes.

Os meles de Eivissa, con Denominación de Orixe Protexida, son multiflorais, de primavera, verán e outono. O Echium plantagineum (soaxes) e os Cistus sp (esteba, estepa, carpaza, xara) son as dúas especies de maior presenza nestes meles. Os meles de outono tamén deben ter Ceratonia siliqua (algarrobo) e Erica multiflora (brezo). Chamáronnos a atención os prezos dos meles de Eivissa que triplican os de Galicia.

O día 13 tivemos o encontro cos escolares de Eivissa no maravilloso escenario do Eivissa Garden, unha empresa de xardinería ibicenca. Alí atopámonos con 80 escolares de entre 6 e 8 anos. Nada máis facerlle as primeiras preguntas, decatámonos que estaban moi instruídos. Como expresaban aquelas nenas e nenos os seus certeiros coñecementos apícolas! Xa quixeran moitos abelleiros e abelleiras veteranas facelo tan ben. Mágoa de non rematar a sesión por mor do aviso de emerxencias e que tiveran que saír prestos e regresar ao cole. Camiño dos buses fómoslle dando a probar os nosos meles.

Foi a viaxe das emocións máis fortes de cantos temos realizado. Nunca viramos chover desa maneira, nunca andaramos polas rúas ca auga ata os xeonllos, nunca viramos en directo pasear sen control contedores do lixo e mesmo coches.

Está previsto que estas DANAS se repitan máis a miúdo por mor da crise climática, como unha rebelión da natureza fronte a crise mediambiental provocada polos humanos. En Eivissa DANAS, en Galicia lume nos montes. Poñámonos as pilas!