As ferrerías, que tiveron o seu auxe entre o século XVI e o XIX, eran abundantes en Galicia, sobre todo na provincia de Lugo. Contaban os lugareños que había tensións entre abelleiros e ferreiros, os abelleiros aproveitaban as flores das uces para producir mel e os ferreiros arrincaban as uces para queimar as raíces na fundición do ferro. Tratábase especialmente da Erica australis, polo alto valor calórico deste combustible vexetal.
Ós rapaces do rural, se non queríamos ir á escola ou eramos pouco aplicados, ameazábannos con ir cavar o monte, que era o traballo máis duro de todos. Consistía en cortar as uces, logo ca ligoña cavar as raíces, a continuación facer montóns con estes materiais e prenderlle lume, que ardían entre 10 e 15 días, ou máis, ata que se apagaban. Pero non se vía o lume, só se vía o fume. Cando xa non había fume, considerábase a faena rematada e esparexíase a cinza polo monte para sementar o pan, a maioría de centeo. Chamábanse “borreas” ou tolas”, dependendo das zonas.

Na década dos 80 do século pasado, cultivando abellas seguindo o rio Soldón: Parada Seca, Parada Piñol e Vilar Mel, en Quiroga, aproveitabamos o monte raso para producir mel de queirogas e tamén había cabras por estes montes. Os montes ardían e a culpa disque era dos cabreiros, que querían queimar para renovar o pasto para as cabras. Os lumes non acadaban dimensións moi grandes e os veciños eran quen os apagaban. Aínda que se sabía quen queimaba, estaba mal visto denuncialos. Tiñan que convivir, decían.
Aqueles lumes tiñan pouco que ver cos da actualidade, sobre todo cos deste ano 2025.
Os lumes das matogueiras danse tanto polo aire como chan. Ao longo destes anos deprendín que hai dous lumes, os que van pola parte aérea das matogueiras e os que van polas raíces, por debaixo da terra, como ocurría fai moitos anos, cando ardían as borreas.
Na actualidade apagar estes lumes é moi complicado, aínda con medios aéreos moi avanzados e chimpándolle auga encima. Pero apagar os subterráneos é imposible, por iso un lume parece apagado, logo aparece fume e cun pouco de aire volve a prender ,aínda que sexa varios días despois.

Foto: EFE / Brais Lorenzo
CONCLUSIÓNS
O cambio climático está provocando estes grandes indendios nas matogueiras, un desastre medioambiental e para a biodiversidade.
Estes montes son os mellores para a produción dos nosos meles, aínda que as producións dos derradeiros anos son moi irregulares, vai por zonas. Podemos decir que a maiores do cambio climático estanse acentuando os microclimas, o cal explicaría estas producións á baixa e tan irregulares según cada lugar.
O lume pode prender de moitas maneiras: neglixencias, maquinaria desbrozadora, raios, intereses económicos da industria do lume, etc.
Podemos previlos con rozas e desbroces arredor dos núcleos de poboacións, estén ou non habitados, nas cunetas e camiños, pero que o fagan as administracións e non os veciños de 80 anos. Cortalumes, gando no monte, prontitude nas actuacións e outros, poden mitigar estes lumes. Aínda que non se poderán previr o 100%, pois sempre houbo lumes, teñen que intentalo as administracións, aumentando os orzamentos para estes obxectivos, con prevención, investigación e métodos de control.
Por en valor a multifuncionalidade destes montes, proporcionándolle a xentes do rural modos de vida nestes entornos, ordenación do territorio, cunha política agraria e rural onde o forestal este integrado, e sobre todo medidas para revertir este perigoso cambio climático.
