A Libraría Aenea de Santiago de Compostela acolleu no mes de novembro unha xornada organizada por Máisquemel con interesantes charlas sobre o mundo dos polinizadores: abellas e medio ambiente, a Vespa velutina e a cultura abelleira na Costa da Morte.
Para iso contamos coa participación de Suso Asorey, biólogo e fundador de Máisquemel, que falou sobre a importancia dos polinizadores no medio ambiente e a necesidade de crear espazos nos que poidan habitar e cumplir coa súa vital función nos ecosistemas. Sobre a produción dos nosos meles e a situación na que se atopa o agro galego, interviu Lidia Senra, labrega e exdeputada no Parlamento Europeo. A continuación José Manuel Fernández, ornitólogo da Universidade de Alcalá de Henares, explicou os avances no estudo sobre o falcón abelleiro e o control natural sobre a Vespa velutina que produce a súa presenza na península do Morrazo. E por último, Carme Toba presentou a súa publicación “A Cultura do mel na Costa da Morte”, un extraordinario traballo sobre a historia da apicultura na Costa da Morte e do patrimonio abelleiro que se conserva na comarca.
Para rematar a sesión, probamos os meles do Monte Pindo, Monte Faro e Monforte de Lemos de Lidia Senra e Miguel Méndez, e fixemos candeas con cera de abella con Paula Souto, integrante de Máisquemel.
Moitas grazas a todas as que nos acompañaron nesta cita, en particular á Libraría Aenea por acollernos e as persoas que impartiron as charlas.