No verán do 2024 celebramos varios convivios no Ecomuseo Casa das Abellas, en Abegondo.
A primeira cita estaba programada para o día 2 de xuño, pero houbo que adiala debido ó mal tempo e polo exceso de demanda para o aforo existente. Ese día finalmente houbo un pequeno encontro dunha ducia de persoas e as restantes persoas inscritas, arredor de trinta, participaron na segunda convocatoria o día 7 de setembro.
A xornada de setembro incluíu a tradicional visita guiada polo Ecomuseo e a continuación tivo lugar unha homenaxe, in memoriam, ao noso Julio López, protagonizado por candeas e músicas que él tanto gustaba. Despois do xantar compartido, tivo lugar a presentación de publicacións, en primeiro lugar Carme Toba co seu libro “A cultura do mel na Costa da Morte” e a continuación Marcos Varela co libro da súa autoría “Reprodución Apícola”.
Para rematar, entregáronse distincións a Antonio Mesejo e Suso Asorey, por toda unha vida de adicación ó mundo das abellas e, como non podía ser doutra maneira, falouse da Vespa velutina e doutros asuntos concernentes as abellas.
No verán tamén se celebrou o habitual convivio multicultural, que tivo lugar o día 3 de agosto cunha veintena de asistentes de distintas partes do mundo: Senegal, Nova Iork, París, Australia, Valencia e tamén daquí, onde se compartiron experiencias, culturas e gastronomías.
Dado o éxito destas xornadas, a idea será celebralas anualmente, e que se convirtan nunha cita periódica onde tódalas persoas con interese nas abellas e no intercambio cultural poidamos atoparnos para compartir experiencias e saberes.



















