Skip to content Skip to footer

V Encontro de Mulleres Abelleiras Galegas – 8 de novembro en Dumbría e Vimianzo

As Mulleres Abelleiras Galegas volvemos a xuntarnos o 8 de novembro para celebrar a quinta edición do noso encontro anual. Nesta ocasión visitaremos os concellos de Dumbría e Vimianzo.

A Casa da Cultura de Berdeogás en Dumbría acolleranos para recibir ás participantes, onde coñeceremos a Zaira Lago, apicultora de Dumbría que comercializa o seu mel baixo a marca “Mel Morriña Dourada”, mellor mel do 2025 no certame Mel Costa da Morte. Dende alí desplazarémonos ata Vimianzo para coñecer a Ruta das Alvarizas do Monte Faro, da man de Carme Toba, unha das persoas con máis coñecemento sobre o patrimonio apícola da Costa da Morte. Pola tarde, celebraremos a asemblea constituínte do colectivo, que pasará a ser unha das primeiras asociacións de mulleres abelleiras do noso país.

Animamos a todas as mulleres a participar nesta xuntanza e formar parte da nosa asociación, que ten como fins principais dar a coñecer o traballo e a importancia das mulleres relacionadas co mundo das abellas e insectos polinizadores, tanto na práctica da apicultura como na dedicación a outros sectores que teñan algún vínculo coas abellas e polinizadores (investigación, divulgación, educación, arte, etc.).

Para inscribirse hai que enviar un email a info@maisquemel.gal ou contactar por teléfono no 629 376 686 (Fátima), antes do 5 de novembro indicando: nome e apelidos, lugar de procedencia, email e teléfono de contacto.