No mes de novembro celebramos en Santiago de Compostela a Semana Máis que Mel, un intenso conxunto de experiencias arredor do mundo das abellas, con actividades para todos os públicos. Participaron perto de 200 persoas de tódalas idades: pequenas e maiores, estudiantes e xubiladas, apicultoras e consumidoras dos produtos das abellas. En xeral, persoas con interese polas abellas e polos seus produtos, con ganas de aprender e adentrarse no apaixoante mundo apícola. As variadas propostas tiveron lugar entre a Biblioteca Pública Anxel Casal e o Museo de Historia Natural da USC e tiñan como obxectivo trasladar a mensaxe de que as abellas son moito máis que mel e incidir na súa importante función no medio ambiente como insecto polinizador, fundamental para o mantemento da biodiversidade.
As actividades comezaron na Biblioteca Anxel Casal coa instalación da exposición Apiarte, unha colección de obras artísticas, artesanía relacionada coa apicultura e un conxunto de colmeas tradicionais e modernas, procedentes de diferentes lugares do mundo. Tratábase dunha pequena mostra do patrimonio cultural relacionado coas abellas, que Suso Asorey, biólogo e activista en defensa das abellas, amosou ó público que alí se achegou para inaugurar a Semana Máis que Mel. A exposición acolleu numerosos visitantes durante todo o mes que estivo exposta, especialmente alumnado das escolas da cidade.
Tamén a cargo de Suso Asorey foi a charla sobre apicultura urbana, na que o biólogo explicou a experiencia de apiturismo urbano vivida polo grupo de Máisquemel o pasado mes de outubro en París e da función que ten este tipo de apicultura para achegar as abellas ás persoas, especialmente nas cidades, onde se vive máis afastado da natureza, para aprender a valoralas e protexelas.
Na biblioteca tivemos tamén unha cata de meles ofrecida pola Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, á que asistiron persoas amantes dos produtos das abellas, curiosas de coñecer os diferentes tipos de mel que se producen en Galicia e as súas características. Beatriz Ríos, técnica da IXP Mel de Galicia, ofreceu unha completa degustacións dos variados tipos de meles que se elaboran na nosa comunidade, amparados pola IXP. Explicou as súas características organolépticas, dende a cor, olor, sabor e textura, así como a súa procedencia e elaboración por parte das abellas.
O Museo de Historia Natural acolleu tamén parte das actividades da semana, máis centradas na relación entre o medio ambiente e os insectos polinizadores, entre eles as abellas como un dos máis especializados. O numeroso público asistente que encheu o aforo da sala, desfrutou dos coñecementos de dous grandes expertos nesta temática, ademais de magníficos oradores: Marcos González, director do Museo de Historia Natural e profesor de bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, e Carlos Otero, entomólogo e autor do libro “La vida secreta de los insectos”.
A charla, titulada “O declive dos insectos”, foi unha exposición moi completa e detallada sobre a crítica situación medioambiental que sufre o planeta coa pérdida de biodiversidade, en particular a acelerada desaparición de numerosas especies de insectos e as súas terribles consecuencias para o planeta. Explicaron como son de necesarios os insectos para o mantemento da vida, pois son pezas claves no equilibrio dos ecosistemas, e non por ser máis pequenos e descoñecidos son menos importantes e indispensables que outras especies. Cos seus argumentos, quedou en evidencia a urxente necesidade de coidar do planeta e deter esta devastación causada principalmente pola especie humana, porque os máis perxudicados seremos os propios humanos.
Para rematar a sesión, fixemos unha visita polos contidos do museo relacionados co mundo dos insectos, na que coñecemos a interesante exposición sobre bolboretas e outra adicada á Vespa velutina, a especie exótica invasora que está perxudicando a supervivencia das abellas dunha parte de Europa, dende a súa chegada do continente asiático fai uns 10 anos.
O venres pola tarde adicámolo ó público infantil, con varias sesións de obradoiros dirixidos a crianzas de entre 3 a 12 anos de idade. Para esta actividade tamén enchemos prácticamente as prazas dispoñibles, con 50 participantes que pasaron unha divertida tarde no museo, aprendendo sobre insectos e decubrindo a súa importancia no medio ambiente e nas nosas vidas. O equipo de educadoras que atenderon a este curioso público estivo formado por Marga Miguens, bióloga , Ana Fernández, ilustradora, e Paula Souto, divulgadora apícola.
Os obradoiros incluían unha visita ó propio museo para amosar a diversidade dos insectos e a súa gran misión polinizadora. A outra parte da actividade ía dirixida a que as pequenas participantes crearan coas súas propias mans, ó mesmo tempo que descubrían a riqueza que nos ofrecen os insectos. As crianzas máis pequenas fixeron un obradoiro sobre os produtos das abellas, descubrindo todos os produtos que nos ofrecen as abellas, non só os que se extraen da colmea se non tamén os que obtemos grazas á polinización: os froitos e sementes, cos cales elaboraron unha rica e saudable merenda. Na sesión das crianzas maiores, aprenderon sobre a inmensa diversidade de insectos que existen na natureza e puideron crear elas mesmas o seu propio insecto imaxinado, utilizando elementos da natureza: follas, sementes, paus, pequenos froitos… Os resultados foron auténticas e orixinais creacións artísticas.
E para pechar a semana, tivemos a oportunidade de visitar o emblemático Museo O Enredo do Abelleiro, o primeiro en Galicia adicado á divulgación sobre o mundo das abellas e polo que levan pasado miles e miles de visitantes, especialmente escolares de toda Galicia.
Nesta ocasión especial, acompañáronnos como guías o seu propio fundador, Isidro Pardo, e o biólogo Suso Asorey. Con eles percorremos os diferentes espazos do museo, aprendendo todo o proceso de elaboración do mel, dende que sae da colmea ata que chega á nosa mesa, descubrimos como é o interior da colmea, incluso en pleno momento de invernación das abellas, e puidemos adentrarnos no obradoiro do abelleiro, para observar todas as ferramentas e materiais necesarios para a actividade apícola. Ademais de coñecer as moitas curiosidades que agocha o museo e as aprendizaxes de toda unha vida adicada ó cultivo das abellas.
Foi unha intensa e completa semana adicada ás abellas e ós seus produtos, na que o numeroso público asistente puido desfrutar e aprender sobre a gran riqueza que nos ofrecen abellas e demais insectos polinizadores. Dende Máisquemel agradecemos a participación de todas as persoas que se animaron a asistir e as entidades que colaboraron para a súa realización.