Skip to content Skip to footer

Apiturismo por París da man de Máisquemel

Por Suso Asorey. Biológo e activista en defensa das abellas

Do 30 de setembro ao 4 de outubro un grupo de 21 persoas de Galicia viaxaron a París para facer turismo e tomar nota da apicultura urbana que hai nesta cidade tan monumental.

Polos mercadiños

O primeiro contacto co mundo apícola foi unha visita a un mercadiño destes que tanto abundan por París, onde se pode mercar de todo. Puidemos observar unha ampla variedade de meles e outros produtos das abellas, con diversas presentacións; meles líquidos, cristalizados, envases de medio quilo, de 250 gr e incluso máis pequenos. O etiquetado tamén é moi variado; monoflorais, de diversas paisaxes e das distintas estacións do ano. Os prezos mínimos andan polos 20 €/quilo e en frascos máis pequenos andan entre 25 e 30 €/quilo.

Polos Campos Eliseos

Aquí visitamos a tenda máis antiga de Guerlain, unha marca de cosmética moi comprometida co medio ambiente e coas abellas. Esta tenda, que ocupa un edificio enteiro, é un dos 17 establecementos que ten a firma no radio de Paris. Guerlain fabrica perfumes, cosmética e tamén conta cunha línea de produtos das abellas. O símbolo da firma é unha abella e conta cun centro de investigación destes produtos a 200 quilómetros de París. Fomos ben recibidos e mostráronnos os produtos pero tamén unha exposición de proxectos apícolas que Guerlain patrocina mediante un convenio coa UNESCO. Guerlain aporta o 20% das súas ganancias co fin de patrocinar distintos proxectos apícolas en moitas partes do mundo, sobre todo para proxectos de mulleres abelleiras. Tamén aportan fondos para a celebración do DIA MUNDIAL DA ABELLA, o día 20 de maio.

Polos apiarios da SCA (Sociedade Central de Apicultura)

O luns 3 de outubro visitamos 2 apiarios dos 8 con que conta esta asociación no distrito parisino. O primeiro está no Xardín de Luxemburgo, pertencente ao Senado Francés e é xestionado pola SCA mediante un convenio co Senado que se renova cada 5 anos desde o ano 1856. Conta con algo máis de 20 colmeas e está destinado a formación de apicultores e apicultoras. Cada ano convocan un curso de apicultura no que admiten 100 participantes, entre os cales vai medranto moito o número de mulleres cada ano. En particular a presenza femenina foi do 45% no último ano e do profesorado maiormente tamén son mulleres.

A produción vai baixando nos últimos anos, anteriormente había un promedio de 1.000 quilos e o último ano foron 300 quilos. O mel é vendido alí a carón do apiario mediante a “Festa do Mel” e o prezo é de 20€ o quilo. A maior parte deste mel procede dos tilos que existen no parque. A baixada das producións achácanas ao cambio climático e algo tamén ao incremento de colmeas que non para de medrar, xa que en París non se usan pesticidas. En Francia a formación non se imparte en base a subvencións, son os alumnos que pagan a matricula, neste curso anual o custe é 300 €. A SCA mantense en base ao curso, venda dos meles e cota de asociados/as (20 €) e contan con 600 en París. As abellas neste fantástico parque parisino nunca causaron problemas e usan as abellas que teñen, coa mínima selección de eliminar as agresivas e as tendentes a enfermar.

A continuación o Presidente da SCA (Thierry Dureselle) levounos a visitar o apiario do parque George Brassens. Este apiario e as súas instalacións están destinadas a labor didáctica de divulgar o mundo das abellas entre os escolares de París. Reciben dous grupos cada día un pola mañá e outro pola tarde. Aquí usan as abellas Buckfast que lle proporciona un criadeiro de Luxemburgo que serían un pouco máis mansas xa que o espazo está saturado de abellas. Para a varroa usan o oxálico e de Vespa velutina hai pouca cousa.

Viaxes MÁIS QUE MEL

A intención dos colectivos Máisquemel é a de organizar este tipo de apiturismo co fin de visitar comarcas e países tendo en conta os postulados de Máisquemel. Ademais da apicultura, queremos contactar co medio ambiente, a cultura, a arte e a gastronomía lugareños.

As dúas experiencias iniciais, tanto o apiturismo por Vimianzo no pasado mes de setembro con 25 participantes, coma esta viaxe a París foron moi satisfactorias.

Asóciate a Máisquemel e participa nas nosas próximas actividades de apiturismo!