Skip to content Skip to footer

Xornada Máis que Mel: Divulgación, novos produtos e presentación de proxectos

O pasado sábado 4 de xuño celebrouse en Arzúa a “Xornada Máis que Mel”, na que participaron os socios e socias da cooperativa Erica Mel, que acudiron á súa Asemblea Xeral e asistiron a unha interesante mesa redonda titulada “Manexo das masas vexetais para a apicultura”, arredor da publicación co mesmo título editada por Frouma. Na cita presentáronse novos produtos da cooperativa “A Botica das Abellas” e douse a coñecer tamén un novo colectivo chamado Máisquemel, un proxecto de divulgación sobre as abellas e a súa importancia no medioambiente.

IMG20220604121204

Manexo de masas vexetais para a apicultura

A mesa redonda, na que participaron tres das persoas autoras, Diego Sánchez, técnico do Sindicato Labrego Galego, Rebeca Sánchez, bióloga e Suso Asorey, biólogo e divulgador apícola, centrouse no aproveitamento apícola das masas vexetais dos montes e cultivos de Galicia, así como a necesidade de manter, ou nalgúns casos recuperar, a nosa vexetación autóctona, tan importante tanto como fonte de alimento para as abellas como para a propia produtividade das colmeas. Tamén se expuxo a problemática do uso dos pesticidas nos nosos campos, como ameaza para as abellas e a propia apicultura.

A publicación en pdf pódese descargar gratuitamente no seguinte enlace: Manexo de masas vexetais para a apicultura.

 

IMG20220604121108
IMG20220604114639 (2)

Nova línea de produtos: A Botica das Abellas

A cooperativa presentou durante o evento unha nova línea de produtos chamada “A Botica das Abellas”, froito dunha colaboración entre Erica Mel, o museo O Enredo do Abelleiro e Abella Meiga, a empresa apícola de produción ecolóxica de Jara e Marcos Varela. A unión destas entidades de renome no sector apícola galego, dou como resultado estes exquisitos produtos de alta gama, elaborados de forma artesanal cunha selección dos mellores meles de Galicia.

Os diferentes formatos: meles crema enriquecidos cos produtos da colmea, de produción limitada, e meles en ecolóxico, estarán á venda a partir do 4 de xuño nos establecementos de Erica Mel e o Enredo, así como nas tendas online das respectivas empresas: www.ericamel.gal e www.abelleiro.com.

Ademais Erica Mel ofreceu ese día promocións especiais de material apícola en liquidación así como noutros produtos da cooperativa, como o pole, que está aumentando a produción por parte dos socios e socias.

 

Presentación do proxecto Máisquemel

Na cita participou tamén o colectivo Máisquemel, que organizaba parte do programa da “Xornada Máis que Mel”. Este foi un dos primeiros actos públicos do colectivo, que se presentou como un grupo de persoas amantes das abellas e do medio ambiente, que terán como obxectivo a divulgación da abella e do resto dos polinizadores, especialmente dende unha perspectiva medioambiental e con actividades para diferentes tipos de público.

Por causa da previsión de mal tempo, unha das actividades que organizaba Máisquemel nesta xornada tivo que ser adiada, o evento “Máis que mel e os Bolechas”. Dirixido a público infantil, o evento tiña como finalidade dar a coñecer a publicación recentemente publicada por Máisquemel titulada “Os Bolechas – Máis que Mel” e divulgar sobre a importancia das abellas e dos seus produtos entre os nenos e nenas.