No mes de xuño realizaremos unha nova xornada de apiturismo para coñecer o patrimonio tradicional apícola da Costa da Morte e o tipo de apicultura que se practica nesta comarca. No Ézaro, realizaremos a Ruta dos Muiños, para descubrir un conxunto etnográfico moi singular, formado por un muiño e unha alvariza con lacenas das abellas, e en Carnota visitaremos os colmeares da Asociación Río Vadebois, mentres desfrutamos da fermosa paisaxe e contorna.
O custe de inscrición será de 10 € para membros do Club Máisquemel e 15 € para o resto. Podedes anotarvos ata o día 15 de xuño, escribindo un email a info@maisquemel.gal.
A Ruta dos Muiños do Ézaro é unha ruta circular, duns 3 Km de lonxitude e dificultade baixa. Ó longo da ruta poderemos visitar varios muiños e finalmente o complexo etnográfico do Ézaro. Ademais, poderemos desfrutar tamén da famosa e espectacular fervenza do Ézaro, onde desemboca o río Xallas.
En Carnota realizaremos unha pequena ruta que nos levará ós colmeares da Asociación Río Vadebois, pola que veremos tamén varios muiños, ubicados na fermosa paisaxe do Monte Pindo.
Será unha xornada de mañá e tarde e levaremos xantar de campo, se a climatoloxía o permite.