Skip to content Skip to footer

Unha experiencia de apiturismo urbano: viaxe apícola a París

Un grupo de 21 persoas do colectivo Máisquemel visitará París do 30 de setembro ó 4 de outubro do 2022, para coñecer a apicultura urbana desta cidade, unha das pioneiras e con máis sona na práctica deste tipo de apicultura. Alí pódense atopar colmeas e casas de polinizadores en moitos parques e xardíns urbanos. Así, por exemplo, nos Xardíns de Luxemburgo existe un apiario para formación de apicultores e apicultoras de París, e nos edificos máis emblemáticos atopamos colmeas das que se colleita un mel moi especial con gran valor, como é o caso dos tellados da Ópera de París, que vende despois este doce tesouro en tendas gourmet. Un dos obxectivos de Máisquemel con esta experiencia de apiturismo é servir de referencia e modelo para promover e desenvolver este tipo de apicultura tamén aquí en Galicia.

Este venres 30 de setembro un grupo de 21 persoas, membros do colectivo Máisquemel, partirá rumbo á capital francesa na que poderán coñecer de primeira man a apicultura urbana parisina e ó mesmo tempo visitar os monumentos máis emplemáticos desta espectacular cidade. Alí estarán durante cinco días, desfrutando dun programa de visitas que combinará turismo e apicultura. Entre outras actividades, o grupo será recibido pola Sociedade Central de Apicultura de París, coa que visitarán os colmeares que xestiona esta entidade: nos Xardíns de Luxemburgo, adicado a formación apícola, e no Parque George Brassens, destinado a actividades didácticas con escolares. Tamén hai programada unha visita ó Xardín Botánico do Museo de Historia Natural da cidade, no que hai instalados os chamados “hoteis de insectos”, estructuras con ocos de diferente tipo para refuxio de insectos.

O obxectivo desta experiencia, que poderíamos denominar como “apiturismo urbano”, é o coñecemento deste tipo de apicultura en auxe a nivel mundial, para aprender coa experiencia e da man de importantes entidades que apostaron por ela, e coa finalidade de impulsar en Galicia esta iniciativa. Aínda que xa houbo algúns intentos nos últimos anos para a implantación de colmeares urbanos na nosa comunidade, como o caso de Culleredo, onde xa houbo unha experiencia deste tipo cun colmear ubicado no Xardín Botánico, aínda é unha práctica con moitas restricións e impedimentos, especialmente de tipo burocrático, xa que a actual normativa actual no noso páis non permite a colocación de colmeas en núcleos urbanos. 

Se ben, a práctica demostrou xa en moitos países e cidades de todo o mundo, que é perfectamente compatible a vida humana coa das abellas. Todo o contrario, é beneficiosa tanto para a flora dos parques e xardíns das cidades, así como das cada vez máis numerosas hortas urbanas, como para as abellas, que en moitos casos atopan un ambiente máis saudable incluso no entorno urbano que no rural, con campos de cultivos invadidos por transxénicos e pesticidas.