Skip to content Skip to footer

No Mes das Abellas e das Flores: Aprendemos, experimentamos e desfrutamos

Rematamos o Mes das Abellas e das Flores, no que vivimos un montón de bonitos momentos e experiencias enriquecedoras. O obxectivo: aprender sobre a importancia das abellas e dos insectos polinizadores, tan necesarios para os nosos ecosistemas e para o medio ambiente.

Moitísimas grazas a todas as persoas que nos acompañaron e ás entidades colaboradoras, que fan posible que levemos adiante esta iniciativa. Entre todas imos creando unha gran rede de amigas das abellas, agardamos que siga medrando para que cada vez máis persoas sexan conscientes da importancia de coidar das abellas e insectos polinizadores.

Coa exposición “Cousas de abellas” e “Apiarte” achegámonos ó mundo das abellas e aprendemos moitas cousas sobre como son estes insectos, a súa función polinizadora e tamén sobre a práctica da apicultura.

Na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal desfrutamos do conto “Melisa perdeuse” coa compañía Garabullo, na que aprendemos sobre as distintas formas de vida, a cooperación e a amistade.

O 20 de maio o Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela acolleunos para celebrar o Día Mundial da Abella. Alí, experimentamos coa observación a través de microscopio e descubrimos moitos detalles sobre os insectos e outras curiosidades da natureza e a Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela EMM ofreceunos un fermoso concerto de violíns e flautas, con melodías adicadas á natureza e ás abellas. E merendamos con mel e iogur grego, unha deliciosa combinación.

Rematamos o programa de actividades no LASSO. Cafetería do Auditorio de Galicia, onde as Mulleres Abelleiras Galegas ofrecéronnos un variado e interesante obradoiro: candeas, figuras de cera, broches, pintacaras, degustación de meles… E despois desfrutamos dun estupendo xantar elaborado cos produtos das abellas: glaseado de xamón asado con mel, salmón con salsa de cítricos, mel e mostaza, cenouras glaseadas con mel e mostaza, torrada e requeixo con mel.