Skip to content Skip to footer

Nace o primeiro colectivo de mulleres abelleiras galegas na II Xornada Máis que Mel

O sábado pasado celebramos a “II Xornada Máis que Mel” no Enredo do Abelleiro de Arzúa. As persoas que se achegaron dende distintos lugares de Galicia desfrutaron desta interesante cita co mundo das abellas no excepcional entorno do museo, un referente histórico na divulgación da apicultura en Galicia.

As protagonistas indiscutibles da xornada foron as mulleres, ás que se adicou a parte central do evento coa celebración do I ENCONTRO DE MULLERES ABELLEIRAS GALEGAS. Unha xuntanza na que as vinte mulleres asistentes, relacionadas co mundo da abella dende diferentes ámbitos, dende mozas que están comezando proxectos apícolas ata mulleres con longa experiencia no sector. Todas elas coincidiron na necesidade deste tipo de espazos nos que visibilizar e dar voz ás mulleres, non só ás que van ás colmeas, tamén as que esmelgan, as que envasan, as que investigan, as que divulgan, as que ensinan ou as que coidan. Todas elas son importantes e son parte tamén da nosa apicultura.

Esta primeira xuntanza dou xa como froito a declaración do grupo para constituirse como a primeira asociación apícola de mulleres de Galicia, coa intención de favorecer o empoderamento da muller abelleira e ó mesmo tempo enriquecer o sector apícola dende a perspectiva da muller, con todo o seu potencial e diversidade.

Dende Máisquemel apoiaremos esta iniciativa e iremos informando sobre as vindeiras accións deste novo colectivo. Animamos a todas as mulleres interesadas en participar que se poñan en contacto con nós para estar informadas e colaborar neste novo e necesario proxecto.



IMG-20220704-WA0032
IMG-20220704-WA0013

Viaxes de apiturismo a París e Polonia

Presentamos tamén durante a mañá as vindeiras propostas de apiturismo de Máisquemel, unha das actividades deste novo proxecto de divulgación do mundo das abellas. A primeiros de outubro organizaremos unha viaxe a París, para descubrir a apicultura urbana desta cidade, xa con longa tradición e recoñecidas experiencias, que terá como obxectivo servir de referencia e modelo para promover e desenvolver este tipo de apicultura tamén aquí en Galicia. Máis información sobre esta viaxe no seguinte enlace: Viaxe Máisquemel a París. As persoas interesadas en participar xa poder realizar a preinscrición.

Tamén anunciamos a viaxe para o vindeiro ano 2023, que terá como destino Polonia e para o que contaremos coa colaboración coa empresa de material apícola Lyson, que ten a súa sede nese país.

Material apícola, produtos e experiencias

Na xornada houbo tamén outros espazos, nos que participou xente de tódalas idades, tanto apicultores e apicultoras, como persoas amantes das abellas e dos seus produtos. Houbo venda de material apícola, coa presenza da empresa Apitienda – Lyson, e produtos apícolas de Erica Mel e O Enredo do Abelleiro, así como actividades para a xente miúda.

Ademais, os visitantes puideron coñecer o Museo O Enredo do Abelleiro e desfrutar dos seus interesantes contidos, pasear polos coidados xardíns e incluso adentrarse no mundo das abellas a través das colmeas de observación, toda unha experiencia especialmente para os visitantes máis pequenos.

E rematamos a xornada cun xantar de campo amenizado pola música das acordeonistas “Abelleiras de Barilongo”, que deron o doce broche final a esta interesante e fructífera xornada.






AGRADECEMENTOS POLA SÚA COLABORACIÓN A: