Skip to content Skip to footer

IV Encontro de Mulleres Abelleiras Galegas – 29 de novembro no Valadouro

O vindeiro 29 de novembro celebraremos o IV Encontro das  Mulleres Abelleiras Galegas no Concello do Valadouro (Lugo), onde visitaremos o Museo do Mel O Trobo de Marifé Sixto, que será a nosa anfitriona deste ano.

A comarca do Valadouro é unha zona recoñecida pola alta calidade dos seus meles, conseguindo tódolos anos premios en distintas catas de mel, como a organizada pola IXP Mel de Galicia, na que a mesma Marifé Sixto levou a distinción en varias ocasións. “O Trobo Mel do Valadouro”, a marca coa que comercializa o seu mel, provén dunha tradición familiar de varias xeracións, tanto na produción de mel como de cera. As candeas que iluminaban os fogares do Valadouro do século pasado, fabricábanse na casa dos seus bisavós. Marifé continuou con este legado e fundou ademais o Museo do Mel O Trobo, que garda unha pequena e coidada exposición pezas relacionadas coa apicultura tradicional. 

Nesta xornada, ademais de visitar o museo e os seus arredores, falaremos de experiencias de mozas que se incorporan á apicultura, como está sendo o proceso e as dificultades que atopan. Adicaremos tamén unha parte da mañá a debatir sobre a presenza das mulleres na apicultura no pasado e presente e como vemos que será no futuro. Pola tarde, teremos un momento para reflexionar sobre o noso proxecto e facer propostas de cara o futuro do colectivo. Despois visitaremos o Museo da Auga en Alfoz e pecharemos a xornada cunha cata de meles, que levaremos cada unha das participantes e intercambiaremos despois entre nós para levar como lembranza deste encontro.

Calquera muller con interese nas abellas e que realice algunha actividade relacionada con este sector está convidada a participar na xornada. Para ser unha muller abelleira non é necesario ter colmeas, tamén o son as mulleres que se adican á comercialización dos produtos das abellas, ó campo da investigación relacionada coas abellas ou o medio ambiente, a educación ambiental ou incluso a saúde, utilizando os produtos da colmea que tantos beneficios nos aportan. 

Programa:

Ás 10.30 h. Recibimento no Museo do Mel do Valadouro cun café e biscoito e presentacións

11:00 h. Mesa redonda: Experiencias de mozas que se incorporan á apicultura

12:00 Visita ó museo

12.30 h. Debate sobre as presenza das mulleres na apicultura: pasado, presente e futuro

13.45 h Paseo polos arredores do museo

14.30 h Xantar no restaurante O Novo en Ferreira do Valadouro

16 h. Reflexións sobre a xornada e propostas de futuro

17 h. Visita guiada á FINCA GALEA en Alfoz, adicado ó Museo da Auga

18 h. Cata de meles colectiva e peche da xornada

Prezo: 30 € para membros de Mulleres Abelleiras Galegas e Máisquemel / 40 € resto (inclúe visitas e xantar)

Público destinatario: Mulleres con actividades relacionadas co mundo das abellas (non é indispensable ter colmeas para ser unha Muller Abelleira)

Inscricións: Ata o 26 de novembro, enviando un email a info@maisquemel.gal indicando: nome, teléfono, email, lugar de procedencia e tipo de actividade relacionada co mundo das abellas.