Skip to content Skip to footer

I Concurso de Apiarte

Con motivo do Día Mundial da Abella, que se celebra anualmente o día 20 de maio, Máisquemel organiza este ano 2025 a primeira edición dun concurso de obras plásticas que aborden este tema.

Bases I Concurso Apiarte:

TEMÁTICA

As obras presentadas ao concurso deberán ter como tema as abellas e/ou a apicultura ligada á tradición galega.

PARTICIPANTES

Poderán participar no concurso todas aquelas persoas que o desexen, sen límite de idade.

MODALIDADES DE PARTICIPACIÓN

Cada persoa poderá entregar unha única unidade de obra coas seguintes características:
Forma artística: pintura, debuxo ou escultura
Medidas exactas: 200 mm de alto e 425 mm de longo, ata un máximo de 25 mm de grosor
Non realizada mediante medios dixitais
Orixinal e propiedade da persoa participante. Non se admitirán copias doutras obras.

ENTREGA DAS OBRAS

As entregas das obras realizaranse os días 4 ou 11 de abril de 2025 de 17 a 19 horas, no local Máisquemel en Santiago de Compostela (Costa de San Marcos, 7, Santiago de Compostela).

A obra deberá entregarse cun documento que inclúa os seguintes datos da persoa participante: nome, apelidos, enderezo, teléfono e correo electrónico, dentro dun sobre pechado e identificado por fóra únicamente co título da mesma. Pola parte de atrás da obra deberá figurar tamén o nome da mesma.

Unha vez o xurado decida as obras gañadoras e as que formarán parte da exposición, procederase a apertura dos sobres para contactar coas persoas participantes, que comezará polas obras premiadas e, unha vez comprobado que os datos presentados nos mesmos son correctos, procederase co resto.

XURADO E SELECCIÓN

A composición do xurado será semiprofesional e nomeado por Máisquemel.

Unha vez feita a selección das obras comunicarase por correo electrónico a todas as persoas participantes se entran ou non a concurso. As obras gañadoras e algunhas máis serán expostas no Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, con motivo da celebración do Día Mundial da Abella.

As persoas que queden fóra do concurso serán informadas das datas e horarios nos que poderán recoller as súas obras no local de Máisquemel en Santiago de Compostela.

Aquelas obras que sexan resultado dunha alteración que impacte negativamente ao hábitat das abellas ou doutros animais serán descalificadas.

OBRAS SELECCIONADAS

As obras premiadas quedarán como parte do arquivo de obras gráficas de Máisquemel ou do Ecomuseo-Casa das Abellas, podendo ser expostas nas localizacións que estas entidades consideren oportuno.

Para o resto de obras seleccionadas para a exposición, quedará á vontade de cada participante a decisión de participar en futuras exposicións organizadas por Máisquemel ou polo Ecomuseo – Casa das Abellas. Tamén caberá a posibilidade para estas persoas de poñer á venda as obras nestes espazos. As obras non seleccionadas serán devoltas ás persoas que as realizaran.

VALOR DOS PREMIOS

1º premio: 500 €
2º premio: 400 €
3º premio: 300 €

As obras premiadas serán expostas no marco das actividades do Día Mundial da Abella no Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela.

A entrega dos premios farase en acto público que se anunciará aos participantes coa debida antelación.

As participantes soméntense o cumprimento destas bases e o veredicto do xurado é inapelable. Facúltase a Máisquemel a resolver as incidencias non contempladas nestas bases.

 

En Santiago de Compostela, a 5 de febreiro de 2025

O comité organizador – I Concurso Apiarte