Skip to content Skip to footer

Descubrindo a tradición abelleira do Valadouro no IV Encontro Mulleres Abelleiras Galegas

O pasado 29 de novembro celebramos o IV Encontro de Mulleres Abelleiras no Museo do Mel do Valadouro. Marifé Sixto, unha muller abelleira que provén dunha familia adicada á apicultura dende varias xeracións, fundou este museo que foi construíndo pouco a pouco, adaptando diferentes espazos anexos á vivenda familiar. O museo alberga obxectos, ferramentas, fotos e libros que pertencían principalmente á súa familia e que Marifé amosa con ilusión, explicando a historia que hai detrás de cada peza.

Toda a actividade do seu proxecto apícola xira arredor da súa casa: o museo, colmear e local de extracción e envasado, polo que sen moverse do lugar pódese coñecer dende a as orixes da apicultura tradicional galega ata o proceso de obtención dos produtos da colmea.

Este museo é un proxecto divulgativo moi interesante, especialmente pola historia que ten detrás, varias xeracións que foron mantendo a tradición abelleira da familia, dende a elaboración de candeas que vendían co seu propio selo e iluminaron durante moitas décadas as casas do Valadouro, ata a comercialización de meles de moita calidade, varias veces premiados nas Catas de Mel de Galicia. Según explicou a súa fundadora, este oficio desenvolveuse na comarca do Valadouro grazas ás aportacións de persoas que se encargaron de traer coñecementos e novas ferramentas, como o mestre da escola do Valadouro dos anos 40 do século pasado, seguramente alumno de Benigno Ledo, pai da apicultura moderna en Galicia.

Marifé transmite un gran amor por este oficio e relata con orgullo o legado que lle deixou a súa familia, en especial o seu pai, que foi o que a animou a continuar coas abellas e tamén a motivación para construir este fermoso museo, no que amosar a todo o mundo a súa historia e o valor das abellas e da apicultura.

A sesión da mañá comezou coa presentación das asistentes á xornada, na que coñecemos a novas abelleiras que se animarcon a entrar no proxecto, mentres desfrutamos dun rico café que nos ofreceu a anfitriona, acompañado duns doces aportados entre varias das participantes, que axudou a levar mellor o frío dun chuvioso e gris día de outono.

Despois da visita ó museo, continuamos cunha mesa redonda sobre as experiencias da incorporación na apicultura de dúas mozas abelleiras, Eva e Ana, que nos foron contando como foi o proceso e as dificultades que atoparon no camiño. Así por exemplo, a formación obrigatoria para acceder ás axudas supón un esforzo que, según relataron, non ten realmente utilidade práctica, pois a maior parte da formación non vai destinada a apicultura. Por outro lado, resulta moi complicado xestionar toda a burocracia, con moi pouca axuda por parte da administración, tendo que recurrir a empresas con pouca especialización en apicultura. Ademais, nestas subvencións falta flexibilidade para adapatar os requisitos á realidade das explotacións apícolas, moito máis variables e con condicións moi diferentes a outro tipo de proxectos agropecuarios. A conclusión foi que estas axudas son moi necesarias para arrancar cun proxecto profesional, pero son moi arriscadas se non coñeces ben a actividade apícola e as condicións que marca a administración para poder acceder a elas son difíciles de manter.

Para rematar a mañá, debatimos sobre a participación da muller na apicultura no pasado e na actualidade. Partimos da base de que na sociedade galega tradicional non hai nada que indique que a muller non se adicara tamén ó coidado das abellas, así como tantas outras actividades ligadas ó rural das que se encargaban as mulleres, como eran o traballo no campo e na horta, o coidado dos animais ou a xestión da casa, entre tantos outros. Entendemos que foi coa profesionalización do agro, incluíndo a apicultura, cando se produciu un reparto dos traballos en función do xénero, así como co desenvolvemento dunha sociedade machista e patriarcal favorecida pola dictadura franquista, que someteu a muller ós traballos máis ligados ó privado, prohibíndolle o acceso a determinados espazos, especialmente no ámbito público. Así, as mulleres non puideron participar nas organizacións apícolas que comezaron a aparecer a finais do século pasado, negándoselle a posibilidade tamén da formación, necesario para un manexo das colmeas que se foi especializando, e quedaron relegadas a tarefas de extracción do mel e coidado do material, acompañando ó home que era o titular da explotación.

Na actualidade, grazas ó avance do feminismo e dos dereitos conseguidos polas mulleres, na apicultura aumentou moito a presenza de mulleres titulares de explotacións, pero temos aínda moito que traballar para acadar o recoñecemento social do seu traballo, incluso dende as propias mulleres, que non se ven tan capacitadas. Entre outros factores que poden axudar no empoderamento das mulleres abelleiras, está a presenza e participación real nas organizacións, tanto nas súas directivas como na base social, para o que é fundamental que haxa referentes nestes colectivos e que se ofreza formación a cargo de mulleres, pois facilita moito a súa integración. Neste sentido, o noso colectivo de Mulleres Abelleiras Galegas está facendo unha labor importante para crear estes referentes e impulsar a participación das mulleres no sector.

Despois dun reconfortante xantar no Restaurante Novo de Ferreira, visitamos o Castelo de Alfoz, pois debido á choiva tivemos que cancelar a visita ó Museo da Auga na Finca Galea. Alí coñecemos a historia do castelo, visitamos as exposicións de varios artistas da zona, e tivo lugar un momento de reflexión e debate sobre o futuro do colectivo. Para rematar, probamos os variados meles que trouxeron as mulleres abelleiras e despois intercambiamos para levar de recordo da xuntanza.

Dende Mulleres Abelleiras Galegas agradecemos especialmente a Marifé Sixto por acollernos no seu museo e amosarnos con tanto cariño o seu fermoso proxecto apícola.