O pasado sábado 24 de setembro desfrutamos da espectacular Ruta das Alvarizas de Vimianzo, un interesante percorrido pola historia da apicultura da Costa da Morte. Nos perto de 10 Km de sendeiros polos que percorremos o Monte Faro, puidemos visitar arredor dunhas 15 alvarizas, de diferentes tipos e tamaños, algunhas con actividade apícola e outras só cos vestixios do que algún día foi unha importante actividade. Non cabe dúbida que a impresionante concentración de apiarios tradicionais, só nas ladeiras deste monte, da fé da relevancia que tivo durante a historia o oficio abelleiro na comarca, así como tamén das boas condicións que existían para que a produción de mel e cera, os dous produtos tradicionalmente máis valorados, fora boa e abundante.
Participou un grupo de 25 persoas, que estaba formado na súa maioría por xente da propia comarca, dende Ponteceso, Malpica, Cabana ou Cee e mesmo do propio Vimianzo, pero tamén doutros lugares da provincia e incluso con presenza extranxeira, cunha muller de Suiza que estaba de turismo por Galicia. Persoas de diferente tipo e de tódalas idades, dende os 70 ata os 2 anos, que tiñan en común a curiosidade por coñecer este patrimonio tradicional e achegarse ó mundo das abellas.
Comezamos ás 10 h. da mañá coa presentación do proxecto Máisquemel e o obxectivo desta xornada, que básicamente era dar a coñecer o valioso patrimonio apícola deste lugar, ó mesmo tempo que achegar ó público o mundo das abellas, transmitindo a súa importancia medioambiental. Tamén se presentaron as persoas que nos guiarían durante o camiño: Paula Souto, membro de Máisquemel e organizadora da xornada, Carme Toba, apicultora e experta en patrimonio tradicional apícola; Manolo Oanes, veciño de Vimianzo gran coñecedor deste monte e de todo o que nel se agocha, Paula Mouzo, secretaria xeral do PSOE de Vimianzo e unha das impulsoras da creación desta ruta e Marcos Suárez, axudante de Carme nas labores de mantemento e acceso ás alvarizas.
Partimos do lugar chamado Campo da Areosa e despois de atravesar unhas plantacións de eucaliptos e o parque eólico que coroa a cima do monte, chegamos ó sendeiro que nos adentraría xa de cheo na antiga apicultura vimiancesa. Seguindo un pequeno regato de auga que baixaba do monte, fomos atopando unha tras outra máis dunha decena de alvarizas, seguindo unha mesma línea imaxinaria e orientadas todas hacia o sur, para o maior aproveitamento da luz solar. Un verdadeiro espectáculo ver aparecer no camiño estes antigos colmeares, agochados entre a vexetación, pero visibles grazas o gran traballo realizado polos veciños e persoal do Concello de Vimianzo, que foron descubrindo todo este valioso patrimonio esquecido con gran esforzo e adicación.
Algunhas das alvarizas eran simples, con espazo para un pequeno grupo de colmeas, e outras inmensas, podendo dar refuxio ata máis de 60 covos ou cortizos, como así se chaman as colmeas tradicionais feitas con cortiza ou madeira. Os colmeares consistían en construcións de pedra con forma de cubículos nos que entraban unha ou dúas colmeas, unidos entre sí formando unha ou varias ringleiras, con teito e tres paredes, deixando a fronte aberta para a saída das abellas, e destinados a dar protección contra as adversidades do tempo así como fronte aos animais do monte, que en épocas pasadoas houbo en maior cantidade e diversidade. A maioría eran recintos abertos, delimitados só por algún dos lados, menos un par delas, ás que os nosos guías chamaron as “catedrais”, debido ás espectaculares dimensións, e contaban cun forte muro de protección, para impedir o paso de calquera animal ou incluso tamén contra os roubos. Grandes ou pequenas, todas elas foron levantadas polos nosos ancestros non sen esforzo, coas pesadas e resistentes lousas e pedras de granito, co obxectivo de protexer as valoradas e prezadas abellas que tantos beneficios aportaban a quen as coidaba.
Mentres Manolo nos ía guiando polos camiños e explicando a historia de cada unha das alvarizas, cal producía máis, de que familia era, canto tempo levaba abandonada e outros datos curiosos, Carme nos deleitaba co relato histórico da apicultura mentres satisfacía as curiosidades dos asistentes sobre o mundo das abellas. Foinos contando como se iniciou a apicultura, dende as primeiras civilizacións ata a Idade Media, chegando ós primeiros rexistros escritos da existencia destes colmeares, ligados nos seus inicios á presenza monacal. Esa relación coa igrexa evidencia tamén a importancia non só da produción de mel, se non tamén de cera, incluso máis aprezada que o mel naquel momento, para a fabricación de candeas nos antigos lagares, dos que desgraciadamente xa poucos quedan en pé.
Tamén Paula, representante do Concello de Vimianzo, foinos explicando como foi o descubrimento destes tesouros etnográficos, que viviu con auténtico entusiasmo e que todavía hoxe cando os observa transmite emocionada unha verdadeira admiración e orgullo.
Así fomos camiñando ata chegar á unha das últimas e máis espectaculares alvarizas. Unha línea de lousas graníticas á beira dun regato, que podería albergar perto dun centear de colmeas, unha auténtica obra de enxeñería apícola en plena natureza que nos deixou a todos e todas asombradas. Alí, Carme tamén nos explicou como son outros elementos tradicionais apícolas moi presentes nesta comarca, como as lacenas que albergaban as colmeas no mesmo interior das casas, moitas veces no propio dormitorio. A propia Carme, na súa casa natal, pasou as noites da súa infancia ó carón dunha colmea de abellas. Supoñemos que daí provén o seu amor polas abellas, pois ademais dos seus coñecementos sobre patrimonio, tamén é apicultora.
No camiño xa de volta, pola outra ladeira do monte, atopamos outras alvarizas máis, e aínda quedaron algunhas sen visitar, con moita pena por parte de Manolo, que tan orgulloso está destas xoias da súa terra e que amosa con paixón, desfrutando como os visitantes coma nós as admiramos e nos sorprendemos.
Rematamos sobre as 15 h. con retraso respecto do horario previsto, pero satisfeitos da experiencia que valeu moito a pena. Xa pola tarde, despois do xantar, parte do grupo visitamos o Castelo de Vimianzo, cunha visita guiada moi interesante e coa que aprendemos algo máis sobre a nosa historia, o cal sempre é enriquecedor.
Dende Máisquemel damos as grazas a todas as persoas que colaboraron na realización desta xornada, en especial a Carme, Manolo, Marcos, Paula e o Concello de Vimianzo. E tamén grazas ás persoas que vos animastes a participar e vivir esta bonita experiencia.