Un ano máis, o 4 de xullo celebramos o noso convivio anual na casa das abellas. Unha trintena de conviventes acudiron a esta celebración onde puideron observar como evoluciona este recinto seguindo a filosofía das 3R (Reducir, Reutilizar e Reciclar) e contando os perigos actuais que afectan aos imprescindibles polinizadores, sobre todo os agrotóxicos e cambio climático, que tanto afectan tamén a nosa apicultura, con mortandades darredor do 50% e baixada de producións doutro 50%, nos derradeiros 25 anos.

A pesares da alta temperatura, xantamos no refuxio climático polo que se fixo máis soportable o calor e pola tarde visualizamos videos que nos deron boa conta de cara onde vai a nosa apicultura en comparación coa que vimos nos vídeos. Rematamos cun coloquio sobre as distintas experiencias da venda directa dos nosos meles, que resulta ser o mellor método para os pequenos apicultores.
Non faltou a música de acoredón a cargo de Cathy que nos deleitou todo o día. Entregamos o cortizo de honra a Asociación Corripa pola súa interesante labor no ecomuseo en Penanogueira, Negueira de Muñiz, e loubamos a dedicación de Jesús Lopez Rivas a prol da apicultura, conxuntamente coas veciñas e veciños de Rao, en Navia de Suarna.
Para endulzar a xornada, o noso amigo marroquí Khalid ofreceunos un té con pastas marroquís deliciosas e ofreceuse a acompañarnos nunha viaxe de apiturismo en Marrakech. Estamos mirando de organizalo para o 2027, así que as persoas interesadas poden ir anotándose por whatsapp no 630 069 635.
Tamén fixemos unha exposición fotográfica sobre a viaxe apícola a Eslovenia no ano 2015, tan interesante apicultura para nós abelleiros e abelleiras galegas. Precisamente, un grupo de Eslovenia estivo en Galicia no mes de xullo atendidos por Xesús Feás, investigador sobre a Vespa velutina. Viñeron a recabar información sobre ferramentas de control desta especie invasora, como previsión en caso de que apareza no seu país, xa que alí aínda non teñen polo dagora.
Compartimos algunhas imaxes da xornada e agradecemos a todas as asistentes que nos acompañaron outro ano máis nesta cita tan especial co mundo das abellas.














